O Campus Terra da USC acolle un obradoiro de lingua de signos e un curso sobre industria ecolóxica
Este luns botou a andar, na Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC, o obradoiro de iniciación á lingua de signos española, un programa formativo e de divulgación incluído na Universidade de Verán 2016 da USC.
A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, inaugurou esta actividade formativa, na que formalizaron a súa inscrición 25 persoas e cubriu así a súa oferta de prazas, no marco dun acto no que tamén interveu o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Álvaro Santos; a concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico do Concello de Lugo, Ana Prieto; e o tamén profesor da USC Modesto Rodríguez Neira, que abriu a quenda de intervencións cun relatorio que se desenvolveu baixo o título ‘A educación lingüística nas persoas xordas en Galicia´.
O obradoiro de iniciación á lingua de signos, un programa que se desenvolve en quenda de mañá, continuará o 12 de xullo cun relatorio sobre (in)visibilidade e representación social da lingua de signos española, tralo que se procederá á presentación de distintas experiencias educativas con persoas xordas.
Dous obradoiros de linguas de signos, guiados por Miguel Ángel Carregado Silva, da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg), capitalizarán as dúas últimas xornadas a actividade deste programa da Universidade de Verán, que rematará o venres 15 de xullo cunha sesión sobre orientacións didácticas para persoas con diversidade funcional auditiva, seguida dun contacontos en lingua de signos.
Pola súa parte, Monforte de Lemos tamén acolleu este luns o inicio do curso de verán, “A industria e a elaboración ecolóxica. Hábitat e prácticas ambientais”, baixo a dirección de Xan Neira Seijo e Anna Cervera Iglesias. No mesmo, abordarase dende a importancia estratéxica da industria ecolóxica, ata a xestión de hábitats e agroecosistemas.