O Campus Terra da USC acolle unha xornada de asesoramento para a busca de emprego e prácticas
A situación do mercado de traballo, así como a autopromoción profesional na web ou en redes sociais como LinkedIn serán algún dos temas obxecto de análise na sesión “Xornada de asesoramento para a busca de emprego e prácticas” que este 22 de febreiro terá lugar no Campus Terra da USC. A aula e-Terra da Biblioteca Intercentros, antiga Aula Universia, acollerá unha xornada impartida pola responsable da Área de Orientación e Inserción Laboral da USC no Campus Terra, Gloria Cruz, quen se centrará na abordaxe dos procesos de selección e na definición dos perfís que procuran as empresas.
A exposición terá unha duración de tres horas e, trala sesión informativa, os asistentes elaborarán un modelo de currículo cronolóxico inverso, unha carta de intencións e o modelo de currículo Europass. Ademais, os inscrit@s poderán documentarse sobre as fontes de información máis axeitadas para atopar emprego. Todos os interesad@s deben enviar un correo a emprego.lugo [at] usc.es (emprego[dot]lugo[at]usc[dot]es) cos seus datos persoais para formalizar a súa inscrición.