Ir o contido principal

O Campus Terra da USC amosa a súa oferta académica e de servizos a estudantes de ensino medio de Lugo e A Coruña

El Campus Terra de la USC muestra su oferta académica y de servicios a estudiantes de enseñanza media de Lugo y A Coruña
El Campus Terra de la USC muestra su oferta académica y de servicios a estudiantes de enseñanza media de Lugo y A Coruña
Máis de 200 estudantes de ensino medio procedentes de cinco centros educativos da provincia de Lugo (IES Perdouro, de Burela; IES da Terra Chá, de Castro de Rei; CPR Divino Maestro, de Lugo; IES...
Lugo

Máis de 200 estudantes de ensino medio procedentes de cinco centros educativos da provincia de Lugo (IES Perdouro, de Burela; IES da Terra Chá, de Castro de Rei; CPR Divino Maestro, de Lugo; IES María Sarmiento, de Viveiro; CPR Sagrado Corazón de Jesús, de Ribadeo) e de dous da provincia da Coruña (CPI Dos Dices, de Rois, e CPI Virxe da Cela, de Monfero) visitaron este xoves os distintos centros universitarios de Campus Terra da USC, a través do programa Encontros no Campus Terra de Lugo, unha xornada orientada a dar a coñecer a oferta de estudos e servizos na sede universitaria luguesa a estudantes preuniversitarios, organizada ao abeiro do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’.

 

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o coordinador do programa ‘A Ponte’ no campus de Lugo, Francisco Javier López, foron os encargados de dar a benvida ao estudantado preuniversitario nun acto desenvolvido no salón de actos da Escola Politécnica Superior, onde Bueno e López, fixeron unha presentación xenérica da sede universitaria luguesa, antes de que varios estudantes universitarios ofreceran aos asistentes a súas particulares visións do Campus Terra e relataran algunhas das experiencias vividas no seu periplo como estudantes da USC.

 

Bueno destacou na súa intervención as múltiples oportunidades e as vantaxes que ofrece ao estudantado o Campus Terra da USC, a cuarta sede universitaria galega cunha maior taxa de alumnado internacional, o que constitúe unha “convivencia enriquecedora”. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo apuntou tamén algún dos obxectivos que pretende a USC para a súa sede luguesa a través do proxecto de especialización Campus Terra, ao tempo que destacou o selo de calidade que implican os títulos universitarios expedidos pola USC, “unha universidade que persigue a excelencia”.

 

Unha vez rematada esta sesión, os estudantes, distribuídos en grupos en función das súas preferencias formativas e acompañados de estudantes e profesores universitarios, completaron itinerarios de visitas ás distintas facultades e escolas do campus de Lugo, ademais de facer un percorrido polas instalacións da Biblioteca Intercentros.

 

O obxectivo desta xornada, segundo explicou Francisco Javier López, é o de dar a coñecer ao alumnado preuniversitario a oferta académica e de servizos que presenta a USC en Lugo, “un campus moderno, pero aínda moi pouco coñecido”, dixo. O coordinador do programa ‘A Ponte’ no campus de Lugo adiantou asemade que a sede universitaria luguesa celebrará a comezos de abril outra xornada de achegamento ao estudantado preuniversitario na que se agarda a participación de máis de 300 alumnos/as de ensino medio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.