O Campus Terra da USC analiza o ambiente interior de granxas de porcino para mellorar a eficiencia climática e o benestar animal
A análise do ambiente interior das explotacións de cría de leitóns de porcino de entre 6 e 20 quilogramos de peso centra a temática da tese de doutoramento que vén de presentar a enxeñeira agrónoma Tamara Arango López na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC baixo o título ‘Caracterización e interacción de variables ambientais no interior de aloxamentos porcinos de transición no Noroeste peninsular’. Esta investigación de doutoramento, dirixida polos profesores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Manuel Ramiro Rodríguez Rodríguez e María Dolores Fernández Rodríguez, integrantes do grupo de investigación Modelización, Enerxía e Mecanización en Biosistemas (BioMODEM), estuda tamén a interacción entre as distintas variables ambientais e estima a concentración de amoníaco rexistrada nos aloxamentos mediante modelos de regresión.
A inclusión da humidade relativa entre os parámetros analizados para o control ambiental das dependencias en estudo podería mellorar a eficiencia da climatización das mesmas cun aforro de entre o 33 e o 47% da enerxía aplicada por quilogramo de leitón de porcino producido, segundo se recolle nas conclusións da tese de doutoramento presentada por Tamara Arango e que opta á mención internacional.
O modelo de regresión lineal proposto nesta investigación como o máis acaído emprega a concentración de CO₂ e a temperatura do corredor exterior, co que se proporciona un bo axuste. Asemade, este modelo, que resulta eficaz ao tempo que económico, está baseado en variables doadas de medir, sinala a investigadora.