O Campus Terra da USC celebra o día de Europa coa xornada sobre emprego e mobilidade ‘Móvete polo mundo’
O Campus Terra da USC celebrará o vindeiro martes 9 de maio, ás 10:00 horas, na aula e-TERRA da Biblioteca Intercentros, a xornada ‘Móvete polo mundo’ na que os asistentes poderán obter información sobre saídas laborais na UE e organizacións internacionais, financiamento de proxectos á mocidade ou axudas á mobilidade, entre outros aspectos. A inscrición gratuíta pode realizarse no enderezo emprego.lugo [at] usc.es (emprego[dot]lugo[at]usc[dot]es).
A xornada, organizada pola Vicerreitoría de Servizos Universitarios do Campus de Lugo e a Área de Orientación e Inserción Laboral da USC no Campus Terra, iniciarase co relatorio titulado ‘Os programas de mobilidade da USC: unha porta á experiencia internacional’, a cargo de Alba Cachafeiro, en representación do Servizo de Relacións Exteriores.
A continuación, Víctor Mosquera Villanueva, da asociación xuvenil Don Bosco falará do Servizo de Voluntariado Europeo; mentres que Javier Naveira e Roberta Campagna, da Fundación Galicia Europa, abordarán as saídas laborais no contexto europeo e internacional. Pola súa parte, Manuel Fernández Méndez do Centro de Linguas Modernas impartirá o relatorio ‘A importancia do coñecemento de idiomas extranxeiros no mercado laboral’.
A xornada pecharase coas intervencións de Borja Rubio da Rede Galega de Dinamización Xuvenil Xunta de Galicia, quen disertará sobre os programas ‘Galeuropa: Programa de mobilidade xuvenil en prácticas transnacionais’ e ‘Garantía Xuvenil: Programa de empregabilidade para a mocidade’; e Carmen Santalla da Rede Eures, quen analizará a mobilidade laboral en Europa.