Ir o contido principal

O Campus Terra da USC colaborará coa CHMS na loita contra a praga dos ameneiros e no control de cianobacterias en agua doce

El Campus Terra de la USC colaborará con la CHMS en la lucha contra la plaga de los alisos y en el control de cianobacterias en agua dulce
El Campus Terra de la USC colaborará con la CHMS en la lucha contra la plaga de los alisos y en el control de cianobacterias en agua dulce
A loita contra a praga dos ameneiros causada polo fungo Phytopthora Alni e o control da presenza de cianobacteiras en encoros, lagos e lagoas de auga doce centran dúas liñas de investigación nas que...
Lugo

A loita contra a praga dos ameneiros causada polo fungo Phytopthora Alni e o control da presenza de cianobacteiras en encoros, lagos e lagoas de auga doce centran dúas liñas de investigación nas que colaborarán diversos equipos de investigación do Campus Terra da USC coa Confederación Hidrográfica Miño Sil, tal e como se puxo de manifesto este venres no marco dunha reunión de traballo celebrada na Subdelegación do Goberno en Lugo, na que participaron, entre outros, o presidente da CHMS, Francisco Marín, e o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno.

 

Esta xuntanza de traballo, da que actuou como anfitrión o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e na que tamén interviñeron o director da Escola Politécnica Superior da USC, Tomás Cuesta, así como un grupo de investigadores da sede universitaria luguesa relacionados coas áreas de Sanidade Vexetal, Xenética Forestal e Farmacoloxía, serviu tamén para que a CHMN trasladara a súa pretensión de desenvolver un proxecto experimental orientado á depuración de augas residuais procedentes de adegas a través de filtros verdes de plantacións de castaño.

 

A contribución científica e as achegas no eido da I+D+i solicitadas desde a Confederación Hidrográfica Miño Sil aos investigadores do Campus Terra da USC responde á necesidade de dar resposta e buscar solucións a algúns dos problemas que está a rexistrar a administración hidráulica na súa demarcación territorial, explicou Francisco Marín, quen, ao remate desta xuntanza de traballo, manifestou a súa satisfacción ao comprobar que o Campus Terra da USC conta con recursos humanos e capacidade investigadora acaída para tratar de buscar solucións aos problemas expostos.

 

A execución das distintas accións propostas pola CHMN ao Campus Terra da USC, así como as necesidades orzamentarias que son precisas para a realización dos traballos e accións de I+D+i precisas e o seu horizonte temporal son aspectos que se recollerán nos convenios específicos de colaboración que a CHMN asinará nos vindeiros meses co Campus Terra da USC, segundo adiantou Marín, quen tamén comprometeu o financiamento destas tarefas por parte da administración hidráulica que preside.

 

Referente científico

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, fixo fincapé no potencial científico do Campus Terra da USC nos eidos agrarios e forestal,  nos que é un referente, ao tempo que reiterou que as liñas de colaboración solicitadas pola Administración hidráulica coinciden en gran medida coas liñas de actuación estratéxicas do Campus Terra da USC.

 

Así, respecto do control e posible erradicación da praga dos alisios, cuxos efectos devastadores se aprecian especialmente nas áreas de ribeira da Terra Chá, Bueno lembrou o traballo xa desenvolvido polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) para a identificación e localización das áreas máis afectadas por este fungo, ao tempo que se mostrou optimista de cara a que as novas achegas feitas polos investigadores do Campus Terra da USC complementen os traballos que xa se están a realizar na actualidade con Tragsa e permitan a curto ou medio prazo erradicar esta praga e, a ser posible, permitan a conservación e, non seu caso, a rexeneración de todo o material vexetal afectado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.