Ir o contido principal

O Campus Terra da USC constitúe a Agrupación Estratéxica de Investigación ‘BioReDes’ para potenciar e impulsar novos proxectos de I+D+i

El Campus Terra de la USC constituye la Agrupación Estratégica de Investigación 'BioReDes' para potenciar e impulsar nuevos proyectos de I+D+i
El Campus Terra de la USC constituye la Agrupación Estratégica de Investigación 'BioReDes' para potenciar e impulsar nuevos proyectos de I+D+i
A Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC Biorrecursos: Desenvolvemento e Produción Sostible ‘BioReDes’ bota a andar na sede universitaria luguesa co obxectivo de favorecer o...
Lugo

A Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC Biorrecursos: Desenvolvemento e Produción Sostible ‘BioReDes’ bota a andar na sede universitaria luguesa co obxectivo de favorecer o fomento e a coordinación na investigación de grupos de referencia competitiva ou potencial crecemento relacionados coa produción animal, vexetal, forestal e na seguridade dos alimentos.

 

A promoción do talento na investigación e das vocacións científicas, o desenvolvemento de proxectos colaborativos, a potenciación das relacións do Campus Terra coa contorna investigadora e socioeconómica de Galicia, así como o fomento da internacionalización e a valorización da nosa economía constitúen outros dos cometidos desta agrupación estratéxica, segundo sinalou este mércores a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, no edificio Cactus de Lugo, na xornada de presentación de ‘BioReDes’ a unha escolma dos actores máis representativos (empresas, asociacións, etc.) da contorna produtiva da provincia luguesa.

 

A agrupación ‘BioReDes’, constituída nesta fase inicial por 16 grupos de investigación de referencia competitiva e de potencial crecemento vinculados á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) e á Facultade de Veterinaria, ademais de contar co apoio explícito do Instituto de Acuicultura da USC, agroma na actualidade unha importante masa crítica formada por máis dun centenar de investigadores estables, 42 en etapa de formación e outras 43 persoas con contratos de apoio técnico con cargo a actividades de I+D+i.

 

A produción científica da Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra, que ten como director ao catedrático de Xenética da USC Paulino Martínez, é outro dos indicadores que proban o seu potencial e dan mostra da capacidade dos investigadores que a integran, un colectivo científico que no quinquenio 2010-2015 publicou máis de 500 artigos en revistas do primeiro cuartil (Q1). Cómpre salientar tamén os ingresos captados por este colectivo investigador por actividades de I+D+i no trienio 2014-2016, período no que os grupos agora concentrados en ‘BioReDes’ acadaron 11,6 millóns de euros de financiamento. Desta contía, un 32% corresponde a contratos con empresas, mentres que outro 13% dos ingresos procede de financiamento de proxectos internacionais.

 

Constituída como unha unidade tractora da estratexia de I+D do Campus Terra e base para avanzar na construción dun campus de referencia no seu ámbito de especialización, a agrupación BioReDes antóllase como unha ferramenta integrada nos contextos nacional e internacional da investigación acaída para vertebrar unha estratexia de I+D para o sector primario de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.