O Campus Terra da USC dá a benvida a medio centenar de estudantes internacionais
A vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva, presidiu este mércores, no auditoiro da Casa do Saber, a segunda edición do ‘Welcome Day’, unha actividade que serve para dar a benvida ao alumnado internacional que vén de chegar ao Campus Terra da USC para completar estudos durante o último treito do curso.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o vicepresidente da Deputación Provincial, Álvaro Santos, acompañaron a Silva no transcurso dun evento no que medio centenar de alumnos e alumnas procedentes de países coma México, Brasil, Polonia, Italia ou Alemaña, puideron coñecer de primeira man todos os servizos que lles ofrece o Campus Terra en particular, e a cidade de Lugo, no seu conxunto.
En representación da Oficina de Relacións Exteriores da USC no Campus Terra, interviu Bárbara Rovira Casal, e do Centro de Linguas Modernas, Manuel Fernández. Unha vez finalizado o acto, o alumnado visitou o Concello de Lugo e a sede da Deputación Provincial, para finalizar a xornada cunha visita guiada pola Domus do Mitreo.