O Campus Terra da USC impulsa un seminario que pon en valor o patrimonio inmaterial, arqueolóxico e histórico do Courel
A Estación Científica do Courel, centro de investigación do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, organiza o Seminario ‘Patrimonio Cultural do Courel’ que se levará a cabo durante os días 8, 9 e 10 de xuño na localidade lucense de Seoane do Courel e nos principais lugares de valor etnográfico, arqueolóxico e histórico da comarca para divulgar os valores e datos dispoñibles sobre o patrimonio inmaterial, arqueolóxico e histórico neste ano 2018 no que se conmemora o Ano Europeo do Patrimonio Cultural.
Este seminario que conta co recoñecemento do Ministerio de Cultura como actividade que contribúe á consecución dos obxectivos do Ano Europeo do Patrimonio Cultural, será de balde para os dez primeiros veciños/as inscritos/as. Os e as interesadas poden obter máis información no enderezo electrónico estacion.courel.inscricions [at] usc.es (estacion[dot]courel[dot]inscricions[at]usc[dot]es)
Durante tres días haberá sesións teóricas matutinas na Estación Científica do Courel e sesións prácticas en quenda de tarde. Así, o 8 de xuño, a partir das 17.00h, en Paderne do Courel, poñerase sobre o escenario un recital poético con poetas e poemas da Serra; unha lectura de textos courelaos; unha mostra de aparellos e trebellos cotiás, unha exposición audiovisual sobre O Courel e unha representación do baile e músicas tradicionais que incluirá música dos “Padernes”. Para finalizar haberá unha degustación de produtos gastronómicos do Courel e zonas limítrofes coa participación de tódolos veciños do pobo. O día 9 de xuño levarase a cabo unha visita guiada ao Ben de Interese Cultural Castelo do Carbedo, aos elementos arqueolóxicos do Monte Cido e á Ferrería monumental de Seoane do Courel.
Nas sesións teóricas, a primeira xornada estará dedicada ao patrimonio inmaterial e na mesma tomarán parte o xerente da Fundación Uxío Novoneyra, Uxío Novo; o autor de ‘O Escano baleiro’ centrado no Courel Xulio L. Valcárcel; o Director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e creador da festa de interese turístico galego “Filandón de músicas do Courel” Xosé Lois Foxo; xunto con tres destacados estudosos do Courel que falarán sobre as súas materias de especialidade, tal é o caso de Miguelanxo Lar, director de cine; Xesús Alfonso Parada, traballador social que nos explicará usos e costumes do Courel; e María Moure, farmacéutica, que tratará o aproveitamento das plantas medicinais na Serra.
O segundo día estará dedicado ao patrimonio arqueolóxico e comezará coa participación da arqueóloga Begoña González Aguiar, que tratará sobre as representacións artísticas paleolíticas por medio de petroglifos. A continuación, o Catedrático Francisco Calo falará sobre os Castros do Courel, antecedendo na secuencia lóxica de evolución temporal a Francisco Javier Sánchez-Palencia, arqueólogo que codirixiu as escavacións que se levaron a cabo no Courel nos anos 70 do século pasado. Tras unha pausa Enrique Alcorta explicará a importancia e connotacións de dúas pezas destacadas que procedentes do Courel atópanse no Museo Arqueolóxico Provincial de Lugo: A Tésara de Hospitalidade e unha Aguia de bronce de época romana. O arquitecto Xosé Allegue explicará as técnicas constructivas das vivendas e construcións courelás dentro do seu hábitat e o erudito e autor de libros na materia, Clodio González, falará sobre as Ferreirías do Courel.
A derradeira xornada estará dedicada ao patrimonio histórico e comezará cunha exhortación sobre a importancia dos arquivos históricos como fonte de coñecemento e como materiais importantes en si mesmos a cargo do Historiador Óscar Penín. Logo, o cura párroco do Courel e Licenciado en dereito Jesús Río describirá as igrexas courelás como elementos patrimoniais e o Catedrático, académico e escritor Pegerto Saavedra centrará a atención nun elemento de importancia histórica socioeconómica: as feiras. A xornada rematará cunha presentación inédita de Artemio Martínez, un dos comisarios da exitosa exposición In Tempore Sueborum, sobre o proceso de cristianización do Courel. Como colofón, administracións, institucións e participantes debaterán sobre a importancia de coñecer, conservar e divulgar o patrimonio cultural do Courel.