O Campus Terra da USC inaugura este mércores o III Simposio Nacional e I Ibérico de Enxeñaría Hortícola
O salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC acollerá este mércores 21 de febreiro, a partir das 19.00h, o acto inaugural do “III Simposio Nacional e I Ibérico de Enxeñaría Hortícola”, organizado polo Departamento de Enxeñaría Agroforestal da EPSE, en colaboración coa Sociedade Española de Ciencias Hortícolas (SECH), e que se estenderá ata o venres 23 para abordar o uso de drons e satélites en agricultura.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo Javier Bueno será o encargado de presidir un acto no que tamén intervirán a alcaldesa de Lugo Lara Méndez, o deputado provincial Álvaro Santos, a directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería de Medio Rural Belén M. Do Campo Piñeiro, a directora da Axencia Galega de Innovación Patricia Argerey, o subdirector de Sistemas Aeronáuticos do INTA Bartolomé Marqués, e o secretario da Sociedade Española de Ciencias Hortícolas Javier Jesús Hidalgo.
O evento acubillará na EPSE, ao longo de tres xornadas, distintos relatorios nos que especialistas na materia, abordarán, ante un centenar de participantes, os aspectos innovadores do uso de drons e satélites, tanto na agricultura, como na gandaría. Na primeira das xornadas, realizarase unha presentación dos avances levados a cabo polo ‘Polo de Innovación Dixital no Sector Agroalimentario’, por parte do xestor de Innovación e Transferencia do Campus Terra, José Roberto Lamas Pérez, e Marcos Pérez, en representación do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant).
Os relatorios “Futuro da agricultura de precisión”, a cargo de Ricardo Braga do ISA-Lisboa; “O Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) como Organismo Público de Investigación”, de Bartolomé Marqués Balaguer, subdirector de Sistemas Aeronaúticos do INTA; e “As ICTS e o CIAR”, a cargo das técnicas do proxecto Ciar, Ana Corrales e Neves Seoane, completarán as intervencións desta primeira xornada que se pechará cunha recepción no Concello de Lugo.
Na segunda xornada, ademais de novos relatorios, celebraranse obradoiros técnicos, impartidos por persoal especializado de empresas privadas e investigadores que facilitarán o achegamento dos asistentes aos produtos que actualmente se atopan no mercado noutras zonas fóra de Galicia.
Presentación do Programa PRIMA
Ademais, no marco do Simposio, o salón de actos da EPSE acollerá este mércores a partir das 12.00 horas, a presentación do Programa PRIMA, un consorcio para a investigación e a innovación na zona mediterránea, cuxas liñas mestras serán expostas por Diego Intrigliolo, investigador do CEBAS-CSIC e punto de contacto deste programa en España.
Alxeria, Croacia, Chipre, Francia, Alemaña, Grecia, Israel, Italia, Luxemburgo, Malta, Portugal, Eslovenia, Turquía, Tunisia e España conforman este conglomerado de países cuxa principal meta consiste na construción de capacidades de investigación e innovación para desenvolver coñecemento e iniciativas comúns e sustentables no eido agroalimentario. Ademais, a esta listaxe de países está previsto que se lles una Exipto, Líbano, Xordania e Marrocos.