Ir o contido principal

O Campus Terra da USC lidera en España a certificación e a formación de asesores rurais segundo os estándares do sistema Cecra

El Campus Terra de la USC lidera en España la certificación y la formación de asesores rurales según los estándares del sistema Cecra
El Campus Terra de la USC lidera en España la certificación y la formación de asesores rurales según los estándares del sistema Cecra
O Campus Terra da USC lidera en España a formación de asesores rurais e a súa certificación segundo os estándares establecidos polo sistema europeo Cecra, segundo avanzou este martes a conselleira de...
Lugo

O Campus Terra da USC lidera en España a formación de asesores rurais e a súa certificación segundo os estándares establecidos polo sistema europeo Cecra, segundo avanzou este martes a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, cuxo departamento autonómico vén de adxudicar á USC por preto de 200.000 euros un plan de formación continua de asesores rurais estruturado en 44 edicións de nove módulos ou cursos de temática e competencias diversas que se impartirán ao longo do trienio 2018-2020.

 

Os módulos de formación ofertados a través deste programa, dirixido polo profesor da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo Florentino Díaz Rodríguez e coa coordinación académica de Enrique Arbones, docente no mesmo centro universitario, impartiranse baixo os estándares e cos requisitos do sistema de certificación europeo Cecra, un sistema xa implantado en moitos países europeos e que pretende mellorar as capacidades e habilidades persoais, metodolóxicas e de comunicación dos asesores/as rurais. O obxecto desta formación é servir de axuda para mellorar o desenvolvemento do aconsellamento ás explotacións agropecuarias, a fin de cubrir as súas necesidades e impulsar a súa modernización, rendibilidade e sustentabilidade. A finalidade deste programa, que responde ao cumprimento dunha directiva europea, segundo indicou a conselleira de Medio Rural, pasa por “por en valor o medio rural”, sentenciou.

 

Ángeles Vázquez realizou estas declaración na apertura do primeiro dos módulos formativos incluídos neste programa de formación Cecra, un curso que cita este martes e mércores no edificio Cactus do Campus Terra da USC a 18 asesores rurais previamente seleccionados pola Consellería de Medio Rural, segundo precisou o profesor Florentino Díaz Rodríguez. O director do programa de formación de asesoramento rural explicou que a temática tratada nos distintos cursos abrangue cuestións ligadas a capacidades do asesor/a en áreas rurais, comunicación e relacións no asesoramento, xestión de proxectos, xestión de procesos de asesoramento e cambios, práctica da modernización do medio rural, organización de actividades de formación, asesoramento de grupos e equipos ou fundamentos da mediación.

 

Os vicerreitores de Coordinación e Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo, Javier Bueno e Andrés Barreiro, respectivamente; a directora Xeral de Produción Gandeira e Agricultura, Belén do Campo; o director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Tomás Cuesta, e Manuel López, concelleiro do grupo municipal do PP de Lugo, tamén participaron no acto de apertura deste primeiro módulo formativo, unha acción impartida pola xermana Judith Landes. Esta asesora rural alemá forma parte do equipo docente responsable de impartir esta formación específica, un abano de profesionais previamente acreditados polo sistema europeo Cecra e do que forman parte os profesores da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Enrique Arbones, Martín Barrasa ou Elena López, así como outras persoas de recoñecido prestixio procedentes de Alemaña e Suíza.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.