O Campus Terra da USC lidera un programa para activar prácticas agrarias e forestais sustentables adaptadas ao clima en Europa
A Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC lidera un proxecto europeo Afinet, orientado a impulsar a agricultura sustentable adaptada ao clima, tamén chamada agricultura climaticamente intelixente, en Europa, a través do fomento e da posta en marcha de prácticas agrícolas e forestais innovadoras adaptadas e acaídas aos distintos contextos locais.
Este innovador proxecto europeo, coordinado pola profesora do Departamento de Produción Vexetal da Escola Politécnica superior do Campus Terra da USC, María Rosa Mosquera Losada, e cuxo prazo de execución vai de 2017 a 2020, conta con tres millóns de euros de financiamento e implica a participación de universidades e centros de investigación de nove países europeos (España, Portugal, Reino Unido, Finlandia, Polonia, Francia, Italia, Hungría e Bélxica), ademais do respaldo da Federación Agroforestal Europea (Euraf), un órgano asesor da Unión Europa presidido na actualidade pola profesora Rosa Mosquera e integrado por 250 membros de 20 países.