O Campus Terra da USC, terceiro no reto ‘Un minuto con’ do certame para xoves emprendedores Explorer
Explorer USC Lugo do Campus Terra, espazo do programa para mozos e mozas emprendedoras impulsado polo Centro Internacional Santander Emprendemento e Santander Universidades, vén de situarse en terceira posición no reto ‘Un minuto con’, a través do cal os participantes inscritos na presente edición do programa debían presentarse con orixinalidade a través dunha peza audiovisual de non máis dun minuto de duración.
O vídeo elaborado por Explorer USC Lugo quedou en terceira posición detrás de Explorer Universidad de Murcia Space e Explorer San Sebastián Space. No traballo presentado dende o Campus Terra, os mozos e mozas participantes definen con creatividade e bo humor a natureza e futuro dun emprendedor, conseguindo deste xeito que o resto de participantes inscritos valorasen positivamente o seu traballo converténdoos nos terceiros máis votados dun total de 47 vídeos presentados polos centros españois, ademais do vídeo elaborado pola Universidade de Coimbra.
O Programa Explorer, antes coñecido como Programa Yuzz, leva dous anos implantado no Campus Terra da USC e a súa coordinadora, Patricia González, amósase altamente satisfeita co traballo desenvolvido polos mozos e mozas participantes que na presente edición ascenden a un total de 23 divididos en 13 proxectos de emprendemento diferentes.
USC Lugo Space está ubicado na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra e conta co apoio da Secretaría Xeral de Emprego dependente da Consellería de Economía Emprego e Industria da Xunta de Galicia. As actividades deste centro Space intégranse no programa de emprendemento da USC que conta como principais axentes á Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, con sede local no Edificio Cactus do campus e á Sociedade para a Promoción de Iniciativas Empresariais, UNINOVA, Incubadora da USC.
O programa Explorer ‘Mozos con ideas’ brinda de forma gratuíta formación, apoio e mentoring a mozos de Lugo de entre 18 a 31 anos que queiran desenvolver proxectos innovadores. Os autores das mellores propostas de emprendemento seleccionadas nesta convocatoria no Explorer Space do Campus Terra recibirán como agasallo unha viaxe a Silicon Valley, ao tempo que tamén poderán optar a 60.000 euros en financiación.