Ir o contido principal

O Campus Terra impulsa unha rede internacional sobre agricultura e silvicultura

O Campus Terra impulsa unha rede internacional sobre agricultura e silvicultura
O Campus Terra impulsa unha rede internacional sobre agricultura e silvicultura
O grupo de investigación da catedrática da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e membro da executiva da Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra BioReDes, Rosa Mosquera,...
Lugo

O grupo de investigación da catedrática da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e membro da executiva da Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra BioReDes, Rosa Mosquera, impulsa a creación dunha rede multidisciplinar sobre agricultura e silvicultura dentro do proxecto EURAKNOS, rede temática integrada no H2020 da UE que comezou en 2019 co obxectivo de crear unha estrutura de reforzo do coñecemento agrícola mediante a recompilación dos coñecementos existentes e das mellores prácticas de 29 redes temáticas xa establecidas.

 

Segundo o profesor Pieter Spanoghe, da Universidade de Ghent e coordinador do proxecto, "Estas redes temáticas son un tipo específico de proxectos de múltiples actores do H2020 da UE que recompilan o coñecemento existente e as mellores prácticas sobre un tema determinado (agricultura intelixente, aves, protección de cultivos, froita , etc.) para que estea dispoñible en formatos facilmente comprensibles para os usuarios finais, como agricultores, silvicultores, asesores e outros”. Spanoghe afirma que “EURAKNOS pode verse como a rede de redes que analizará este coñecemento para explorar a viabilidade de crear unha base de datos modular que faga que esta información sexa máis accesible para a comunidade agrícola de forma semiestandarizada e mediante procuras”.

 

EURAKNOS é unha iniciativa única porque pretende vincular todas as redes temáticas de prácticas agrícolas e forestais, tanto as xa establecidas como as futuras, mediante un formato común e un enfoque harmonizado, desenvolvendo directrices técnicas para construír un sistema de datos común. O proxecto recompilará, avaliará, analizará e comparará os coñecementos, materiais e ferramentas producidos polas redes temáticas e os grupos operativos a través dun enfoque de co-creación, coa participación de agricultores, investigadores e outras partes interesadas. Este enfoque tamén beneficiará ás redes futuras e outros proxectos H2020. Neste senso, o material recompilado presentarase nunha linguaxe fácil de entender a través das canles máis fiables empregadas por agricultores, silvicultores e asesores.

 

O proxecto tenta responder as necesidades dos agricultores e silvicultores da UE para ampliar as redes temáticas existentes integrándoas nun sistema Europeo de todos os sectores agrícolas, alentando a aprendizaxe entre pares mediante visitas de intercambio. Ao facilitar e apoiar todas as redes temáticas, axudará a asegurar a lonxevidade dos resultados dos proxectos. Ademais, estes proxectos vincularanse mellor con outras redes temáticas e iniciativas similares a nivel da UE e estatal, e poderanse incorporar aos programas estatais de educación e formación.

 

EURAKNOS é un proxecto de múltiples actores integrado no H2020 que comezou en xaneiro de 2019 cunha duración de 2 anos. O consorcio está formado por 17 socios de 10 países de Europa.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.