Ir o contido principal

O Campus Terra, medalla de ouro na especialización

O Campus Terra, medalla de ouro na especialización
O Campus Terra, medalla de ouro na especialización
A Xunta de Galicia concede a primeira acreditación completa da comunidade pola súa especialización nas áreas estratéxicas de agricultura, gandaría e sector forestal
Lugo

Aínda que a chegada do mes de setembro normalmente vén acompañada da caída das follas das árbores por mor da proximidade no tempo do outono, no Campus Terra acontece o contrario e ata agroman as flores.

 

Deste xeito, o Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela vén de recibir, coa máxima cualificación, un novo recoñecemento da Xunta de Galicia. Trátase da primeira acreditación completa que se concede na nosa comunidade e que se se debe ao labor especializado que realiza nas áreas estratéxicas de agricultura, gandaría e sector forestal sustentables.

 

Neste caso, o camiño non é que fora de rosas, pois a chegada á meta veu precedida dun proceso ben longo e laborioso que comezou no ano 2013, enmarcado na estratexia de especialización de campus do Goberno galego. O seu propósito consiste en poñer en valor os campus centrais a través dunha identidade propia vinculada á súa contorna, ao mesmo tempo que se erguen como axentes activos no impulso da investigación e do desenvolvemento económico.

 

Ademais, este percorrido foi seguido dun exhaustivo informe realizado por unha comisión de persoas expertas, tanto de prestixio nacional como internacional. Logo da súa avaliación, lograron a mellor nota: ser o primeiro Campus dentro do SUG en obter a acreditación completa.

 

Pero isto non é todo, pois as boas novas nunca chegan soas. Xunto a este selo de calidade, o Campus Terra tamén vai recibir fondos económicos de aproximadamente un millón de euros ao longo de cada un dos catro anos para os que estará vixente o acordo de financiamento asinado entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a USC.

 

O último paso agora é a elaboración dun protocolo de actuacións para os vindeiros catro anos, co fin de progresar nalgúns aspectos nos que traballa a USC para potenciar o Campus de Lugo. Así, entre as prioridades destacan unha maior captación do alumnado, unha mellora na investigación e nos resultados científicos e tamén o incremento na transferencia do coñecemento.

 

Non hai dúbidas da importancia que supón esta acreditación para o Campus Terra, pois reforza a súa condición de centro universitario especializado en aspectos como a produción vexetal e agricultura sustentable, a saúde animal, a alimentación segura e saudable e mais a xestión forestal sostible, eidos que encaixan á perfección coa realidade socioeconómica da provincia de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.