O ciclo ‘Ciencia para xoves investigadores’ chega ao seu remate coa visita de 120 estudantes preuniversitarios ao Campus Terra
O ciclo ‘Ciencia para xoves investigadores’, un programa de estímulo de novas vocacións científicas entre o estudantado de ensino medio impulsado por docentes, investigadores e demais persoal da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC, achega esta semana ao centro universitario lugués máis de 120 estudantes de último curso da Eso procedentes do Ies Ánxel Fole, Colexio San Xosé e Colexio Franciscanos de Lugo.
Esta última quenda de visitas á Facultade de Ciencias pechará mañá mércores a edición 2018 dun programa que botou a andar no mes de xaneiro e no que tomaron parte máis de 450 estudantes preuniversitarios procedentes de máis dunha decena de centros educativos galegos. Todos os participantes nesta iniciativa tiveron a ocasión de coñecer as instalacións universitarias da Facultade de Ciencias de Lugo, así como a súa oferta de estudos e servizos, ao tempo que tamén puideron iniciarse no mundo da experimentación a través do desenvolvemento de diferentes experiencias prácticas en laboratorio.