Ir o contido principal

O ciclo Lubicán 2017 ofrece unha programación cultural estable e de marcada pegada galega na primavera luguesa

El ciclo Lubicán 2017 ofrece una programación cultural estable y de marcada huella gallega en la primavera luguesa
El ciclo Lubicán 2017 ofrece una programación cultural estable y de marcada huella gallega en la primavera luguesa
O ciclo Lubicán, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan o Concello e a Deputación Provincial de Lugo xunto coa USC, garante unha programación cultural estable e de marcado...
Lugo

O ciclo Lubicán, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan o Concello e a Deputación Provincial de Lugo xunto coa USC, garante unha programación cultural estable e de marcado selo galego durante a primavera luguesa, tal e como indicou a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, na presentación das actividades programadas para os vindeiros meses, un acto celebrado este martes no Centro Arqueolóxico de San Roque e no que tamén interviñeron a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e a deputada provincial delegada da área de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto.

 

A recuperación de espazos naturais para uso e goce da música feita por galegos e a adaptación da oferta ás preferencias do público universitario son outras das características que presenta o Lubicán en 2017, unha edición na que as distintas actividades programadas están agromadas en tres miniciclos: Lubicán, Lubicán Íntimo, Xoves de Moda.

 

O grupo de música folk Milesios, unha formación que pretende recoller e re-interpretar a música tradicional galega e irlandesa na idea de que foron galegos hai miles de anos, abre o venres 24 de febreiro o cartel do Lubicán Íntimo, coa presentación do seu último traballo ‘Indoevindo’. Este ciclo orientado á presentación de traballos discográficos de profesionais en acústico, terá continuidade os venres 3 de marzo e 21 de abril, datas nas que Xoán Curiel presentará ‘Ecuacións’ e o dúo formado por Mónica de Nut e Luís Martíns traerán á Casa do Saber ‘Raíces aéreas’.

 

Ataque Escampe, Crebinsky e León Benavente completan o trío de concertos programados no Lubicán 2017, unha edición que botará a andar o 30 de marzo na Casa do Saber, onde Ataque Escampe presentará ‘Primeiros bicos’. A Praza de Santa María acubillará os días 27 de abril e 25 de maio cadanseu concerto de Crebynsky, que presenta o disco ‘Zirkus Affe’ e León Benavente, que trae a Lugo o seu último traballo ‘2’.

 

Os Xoves de moda, unha iniciativa xurdida como complemento do Lubicán e orientada a coñecer máis de preto proxectos interesantes en outras artes, terá como protagonistas nesta edición ao Chévere, o traxe tradicional e o documental feito dende unha produtora monfortina. Os directores do documental ‘Os días afogados’, Luis Avilés e César Souto, guiarán o 9 de marzo, a partir das 21.00 horas, na Casa do Saber, a primeira entrega dos Xoves de Moda 2017. Este ciclo terá continuidade o 11 de maio con Montse Rivera e o 8 de xuño cun obradoiro do espectador, a cargo de Chévere, que estará guiado por Xesús Ron e Patricia de Lorenzo.

 

Consulta o programa completo de Lubicán

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.