O CITT do Campus Terra xestionou máis de 23 millóns de euros no trienio 2016-2018
Os fondos xestionados a través de contratos e convenios asinados con empresas e institucións públicas polo Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do Campus Terra da USC no trienio comprendido entre 2016 e 2018 superaron os 23 millóns de euros, segundo se puxo de manifesto na comisión de seguimento dun convenio que manteñen vixente desde 1995, USC, Caixa Rural Galega, Deputación Provincial de Lugo e Confederación de Empresarios de Lugo (CEL).
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo Montserrat Valcárcel, a adxunta para Investigación, Transferencia e Innovación Elvira López Mosquera, o presidente de Caixa Rural Manuel Varela, o xefe do servizo de contratación da Deputación Provincial de Lugo Manuel Ángel Jove Losada, o secretario da Confederación de Empresarios de Lugo Jaime Luis López Vázquez, e o técnico da Oficina de Información e Transferencia da USC en Lugo Ramón Mazoy Fernández reuníronse na comisión de seguimento do convenio para aprobar a súa renovación de cara á vindeira anualidade.
O convenio para o mantemento do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do Campus Terra remonta as súas orixes a 1995 e contribúe a situar a USC á vangarda da transferencia de coñecemento e tecnoloxía á contorna social. O último convenio asinado contou cunha dotación orzamentaria de preto de 60.000 euros, dos que Caixa Rural Galega achegou 50.000 euros e a Deputación Provincial de Lugo, 9.500. A contribución da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) non implica dotación económica.