O CulturaLab do Máster en Servizos Culturais, un viveiro de proxectos para transformar cidades
A profesora da Facultade de Humanidades Carme Silva leva anos impulsando o CulturaLab, unha iniciativa que se enmarca dentro do mestrado en Servizos Culturais que ela mesma coordina na USC e que serve de viveiro a proxectos culturais que o día de mañá poderían transformar cidades coma Lugo.
Este é o caso de Gabriel Gómez, alumno do mestrado que vén de presentar o seu proxecto para revolucionar o barrio lugués da Tinería. Gabriel propón restaurar algún dos locais emblemáticos da zona para que os veciños teñan un espazo no que autoxestionar unha programación cultural que xire en torno a tres eixos: feminismo, integración e sustentabilidade. Para Gabriel a chave está na idea da autoxestión, é dicir, apostar pola organización comunitaria fronte ás concesións a empresas.
O cinema é a paixón de Beatriz Losada, por iso empregou o CulturaLab para perfilar un proxecto que xa tiña moi avanzado e no que leva anos matinando: a creación dun festival de cine especializado en coproducións que se enmarque na cidade de Vigo. Trátase dunha iniciativa innovadora tanto por estar centrada no eido das coproducións internacionais, como por apostar pola creación dun festival de cine na franxa atlántica que teña como epicentro o talante industrial dunha cidade coma Vigo.
Unha asesoría de proxectos culturais especializada en arte é a idea que Tatiana Fernández levou ao CulturaLab. Para esta titulada en Historia da Arte, o eido da consultoría aplicada aos proxectos culturais precisa dunha certa especialización. Beatriz propón para Lugo, unha asesoría que traballe na viabilidade de proxectos expositivos, contidos didácticos para museos e institucións, proxectos de museografía, así como o comisariado de exposicións. Asemade, este proxecto aspira a poder desenvolver catálogos e edicións artísticas, así como o deseño conceptual de plans de comunicación, alén do deseño de rutas urbanas e rurais, así como da promoción do patrimonio.
María Pereira da Fundación Cidade da Cultura, Dolores Meijomín de AGADIC, Uxía Caride da Asociación Galega de Produtores Independentes, e Encarna Lago da Rede Museística de Lugo, integraron o tribunal que o pasado 20 de xuño avaliou estas tres innovadoras iniciativas culturais. O xurado destacou a orixinalidade e alta calidade dos traballos expostos. No acto tamén estiveron presentes a decana da facultade María Isabel González Rey, e o vicedecano Gonzalo Francisco Fernández Suárez.