Ir o contido principal

O evento de divulgación científica DivulgaTerra bota a andar este xoves 15 de novembro ás 19.00h na Casa do Saber

O evento de divulgación científica DivulgaTerra bota a andar este xoves 15 de novembro ás 19.00h na Casa do Saber
O evento de divulgación científica DivulgaTerra bota a andar este xoves 15 de novembro ás 19.00h na Casa do Saber
A Casa do Saber acolle este xoves 15 de novembro, a partir das 19.00h, a primeira das sesións de DivulgaTerra, o evento que quere difundir o traballo dos investigadores/as do Campus Terra da USC, así...
Lugo

A Casa do Saber acolle este xoves 15 de novembro, a partir das 19.00h, a primeira das sesións de DivulgaTerra, o evento que quere difundir o traballo dos investigadores/as do Campus Terra da USC, así como promover o uso do galego como idioma de divulgación, e que chega á súa terceira edición.

 

O evento estrutúrase este ano en tres sesións temáticas (dedicadas ás Ciencias da Saúde; Ciencias e Tecnoloxía; así como ás Artes, Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas) nas que ademais de intervencións breves nas que os investigadores darán a coñecer as súas respectivas liñas de traballo, haberá un relatorio amplo protagonizado por unha investigadora relevante do campus que exporá ante un público non especializado a súa actividade.

 

Este xoves será a quenda da profesora da USC Mercedes Novo quen falará do seu traballo na loita contra o alzhéimer no marco da sesión dedicada ás Ciencias da Saúde. Ademais de Novo, o xoves 15 DivulgaTerra contará coas intervencións de María Permuy Mendaña, quen explicará que é a microtomografía computerizada; Susana Remesar Alonso, quen falará da infección por Rickettsia spp. en carrachas recollidas en Galicia; as parasitacións en gando vacún nas comarcas de Ordes, Arzúa e Terra de Melide será obxecto de análise por parte de David García Dios; mentres que a interacción parasitaria entre o mexillón de río e o salmón será analizada por Pedro A. Castrillo Arias. A sesión tamén contará coas intervencións de Emanuel Felipe de Oliveira Filho, quen falará de metais pesados; e Pablo Sánchez Quinteiro quen afondará na anatomía do sexto sentido.

 

As mulleres científicas

Poñer o foco na relevancia das mulleres científicas do campus é outra das finalidades desta edición de DivulgaTerra xa que o xoves 22 de novembro, tamén a partir das 19.00h, Rosa Mosquera afondará no vínculo entre innovación, sistemas agroforestais e incendios, mentres que o 29 de novembro, Ana Goy aportará unha visión do Pórtico da Gloria despois da restauración. Xunto a elas, en quendas de 10 minutos, os e as investigadoras do campus presentarán as súas respectivas liñas de investigación ante un público non especializado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.