O grupo de investigación Acuigen, con sede no Campus Terra da USC, lidera a secuenciación do xenoma completo do rodaballo
O grupo de investigación Acuigen da USC, dirixido polo catedrático Paulino Martínez e con sede na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC lidera a secuenciación do xenoma do rodaballo, o primeiro vertebrado secuenciado en España, no marco dun proxecto de investigación no que tamén participaron científicos do CSIC de Vigo e do Centro Nacional de Análise Xenómica (CNAG) de Barcelona, cuxos resultados vén de publicar a revista británica DNA Research (Oxford University Press).
O traballo de investigación desenvolvido polo Acuigen da USC no marco deste proxecto contempla a secuenciación e o ensamblado de todo o xenoma de rodaballo (600 millóns de nucleótidos) coa integración de recursos e ferramentas xenómicas previas nas que o referido grupo de investigación da USC viña traballando desde 2005, segundo explicou este martes Paulino Martínez.
A secuenciación completa do xenoma do rodaballo culmina unha década de traballo e esforzos do grupo Acuigen, salientou Martínez, quen indicou que os resultados deste estudo abren o camiño para o desenvolvemento de programas de selección xenética máis eficientes en relación co crecemento, a resistencia as patoloxías e o control sexual da especie.