O guitarrista clásico David Antigüedad Mangas abre o luns 19 ‘Músicas a carón da Mosqueira’
A programación de Lugo Cultural para 2018 arrancará o luns 19 co ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’, iniciativa que impulsa novos creadores e intérpretes dentro da música clásica. A partir das 20.00 horas na Casa do Saber, a inauguración do ciclo corresponderalle a David Antigüedad Mangas, que interpretará obras de Bach, Sor, Takemitsu e Martínez Palacios.
Guitarrista clásico nacido en Salamanca en 1993, Mangas comeza os seus estudos de guitarra á idade de 8 anos da man de Marcos Martín no Conservatorio Profesional de Salamanca, rematándoos con premio extraordinario aos 18, cando accede ao Conservatorio Superior de Música de Castela e León cos profesores Hugo Geller e Dimitri Van Halderen para realizar estudos superiores. Dous anos máis tarde, en 2013, concédeselle unha bolsa Erasmus e trasládase a Maastricht para estudar co afamado guitarrista Carlo Marchione no Maastricht Conservatorium, onde obtén o título de bachelor con distinción en 2015.
Ao longo dos anos, David participou activamente en varios festivais e concursos, conseguindo premios como o 1º premio na modalidade xuvenil do XII Concurso Internacional de Guitarra José Tomás-Vila de Petrer (Alacante, 2013) ou máis recentemente o 1º premio no Concurso Permanente de Juventudes Musicales de España (Sabadell, 2016). Ademais, ofreceu recitais como solista e de música de cámara en España, Países Baixos e Bélxica.