O I Concurso de Traballos Fin de Grao sobre Enxeñaría e Muller Rural da EPS do Campus Terra distingue a Verónica Gómez e Alberto Santín
O xurado encargado de fallar a primeira edición do Concurso de Traballos Fin de Grao sobre Enxeñaría e Muller Rural, un certame convocado pola Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC coa pretensión de poñer en valor e premiar aqueles Traballos Fin de Grao de Enxeñaría Agrícola asinados por alumnas ou que teñan como temática o desenvolvemento de proxectos que melloren as condicións de vida e de traballo das mulleres no medio rural, acordou por unanimidade distinguir as propostas presentadas por Verónica Gómez Collazo e Alberto Santín Fernández
A “orixinalidade e factibilidade” do traballo ‘Estudo de Avaliación de Impacto Ambiental-Ampliación de Explotación de Porcino’, presentado por Verónica Gómez Collazo, foron dúas das características máis valoradas pola comisión xulgadora, presidida pola profesora María Dolores Fernández, á hora de conceder este premio.
Os membros do xurado tamén coincidiron en resaltar a contribución á mellora das condicións laborais da propietaria da explotación á que se fai referencia no Traballo Fin de Grao desenvolvido por Alberto Santín Fernández baixo o título ‘Ampliación e reforma dunha explotación de vacún de carne en réxime semiextensivo no lugar de A Carqueixeda, Samos, Lugo".
Os dous gañadores da primeira edición deste concurso, unha iniciativa promovida pola EPS a iniciativa da comisión do título do grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria recibirán cadansúa gratificación en metálico de 200 euros. Estes premios contan co financiamento do grupo de investigación da USC Proepla e do proxecto de investigación internacional ‘Pathogen Training ProgrAmme TO improve GrapEviNe virus knowledge and management’.