Ir o contido principal

O IES Xoán Montes acapara todos os premios da fase provincial da IX Olimpíada de Xeoloxía celebrada no Campus Terra da USC

El IES Xoán Montes acapara todos los premios de la fase provincial de la IX Olimpiada de Geología celebrada en el Campus Terra de la USC
El IES Xoán Montes acapara todos los premios de la fase provincial de la IX Olimpiada de Geología celebrada en el Campus Terra de la USC
Os estudantes do IES Xoán Montes de Lugo proclamáronse campións absolutos da fase provincial da IX Olimpíada de Xeoloxía, tras acadar todos os premios individuais e por equipos nas probas de...
Lugo

Os estudantes do IES Xoán Montes de Lugo proclamáronse campións absolutos da fase provincial da IX Olimpíada de Xeoloxía, tras acadar todos os premios individuais e por equipos nas probas de avaliación celebradas este mércores na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, ata onde se desprazaron 42 dos 59 participantes que estaban inscritos, despois de que nin o alumnado do IES María Sarmiento de Viveiro nin algúns dos estudantes pertencentes ao IES Gregorio Fernández de Sarria puideran desprazase ata a sede da fase provincial da IX Olimpíada de Xeoloxía por mor da neve.

 

A fase de competición da IX Olimpíada de Xeoloxía, un certame promovido a nivel nacional pola Asociación Española para o Ensino de Ciencias da Terra (AEPCET) en colaboración coa Sociedade Española de Xeoloxía e o Colexio Oficial de Xeólogos, e que no caso de Lugo conta coa colaboración do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, desenvolveuse con absoluta normalidade a pesar das ausencias imprevistas, segundo sinalou a profesora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e coordinadora desta fase provincial do torneo, Esperanza Álvarez, no acto de clausura e entrega de agasallos dun torneo no que o IES Xoán Montes de Lugo non só repetiu a vitoria acadada na pasada edición, senón que acaparou todos os premios.

 

O galardón para o vencedor absoluto da fase luguesa da IX Olimpíada de Xeoloxía foi para o alumno de cuarto da ESO do Xoán Montes Pablo Gallego Arias, quen con este triunfo certificou a súa clasificación para participar na fase nacional da IX Olimpíada de Xeoloxía, que se celebrará o 17 de marzo en Segovia. Os seus compañeiros de curso no mesmo centro Jorge Rábade Alonso e Jacobo Fariñas Varela acadaron o segundo e o terceiro premio respectivamente, mentres que Martín González Rodríguez tamén estudante de último curso da ESO no mesmo centro, mereceu tamén un accésit.

 

Na competición por equipos, na que participaron diversos grupos formados por alumnado dos IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, IES Gregorio Fernández de Sarria, IES Xoán Montes de Lugo e IES Aquis Querquenis de Bande (Ourense), o galardón ao conxunto mellor clasificado foi para o formado por Christian Gallego Anello, Raúl García Pacios, Tomás Iglesias García e Pablo Gallego Arias, alumnos do IES Xoán Montes de Lugo.

 

A cerimonia de entrega de premios aos participantes da fase provincial da IX Olimpíada de Xeoloxía, un acto no que participaron o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; a subdirectora de Prácticas Externas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC; a coordinadora da proba e tamén profesora da USC, Esperanza Álvarez; o responsable no Campus Terra do programa ‘A Ponte entre o ensino medio e a USC’, Francisco Javier López González, e Mª Luz Guerreiro, en representación da Asociación Española para o Ensino de Ciencias da Terra (AEPCET), ademais dos mestres e titores dos diversos centros participantes, serviu para animar ao alumnado presente a optar por comezar a súa andaina universitaria nalgún dos centros do campus lugués.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.