Ir o contido principal

O módulo 'Fotografía de rúa e social' mantén aberto o seu prazo de inscrición

O módulo 'Fotografía de rúa e social' mantén aberto o seu prazo de inscrición
O módulo 'Fotografía de rúa e social' mantén aberto o seu prazo de inscrición
A Oficina de Cultura da USC no Campus Terra mantén aberto o seu prazo de inscrición para o módulo 'Fotografía de rúa e social' a través do enderezo cultura.lugo@usc.es ou nos...
Lugo

A Oficina de Cultura da USC no Campus Terra mantén aberto o seu prazo de inscrición para o módulo 'Fotografía de rúa e social' a través do enderezo cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es) ou nos teléfonos 982821511 / 13. Consulta o programa do curso:

 

MÓDULO 6.- Fotografía de rúa e social

Relator:

Marcos López

Descrición:

O obxectivo deste módulo é facer unha viaxe persoal a través dos distintos estilos e movementos fotográficos máis relevantes da historia da fotografía. Para iso, os  participantes, mediante a alternancia de clases teóricas, sesións fotográficas grupais na procura dos diferentes estilos e a edición do material recollido na rúa chegan a evolucionar e aprender na fotografía deste tipo. A procura dos diferentes estilos e a viaxe a través dos diferentes autores permitiralles aos alumnos do módulo experimentar coa súa cámara e adquirir destreza fotográfica, ademais de recursos para saber afrontar outros tipos de situacións. A forma e o contido do curso axudaralle ao alumno a atopar un estilo propio. Non é preciso dispoñer de cámara fotográfica, aínda que si é recomendable (hoxe en día, mesmo algún teléfono móbil ofrece a calidade precisa para a fotografía artística).

Datas:

todos os sábados entre os días 2 e 30 de marzo

Horario:

entre as 10 ás 14:30 h

Lugar:

Casa do Saber

Prazas:

20

Prezos:

comunidade universitaria: 50 euros / taxa xeral: 100 euros

Temario:

  • Manexo do equipo (unha ou varias sesións)
  • En función dos coñecementos dos asistentes partirase dun nivel ou doutro. E na primeira clase trataranse cuestións de manexo e configuración da cámara, ademais das posibilidades que ofrecen as distintas configuracións.
  • Teoría fotográfica, estilos e obras de recoñecidos fotógrafos. É quizais unha das partes máis apaixonantes do curso. Nela analizaranse as fotografías e estilos dos diferentes autores propostos, ademais da metodoloxía que eles mesmos empregaban, técnicas e cuestións que fixeron a súa obra única e innovadora.

Práctica:

Logo dos contidos teóricos que caracterizan a cada autor e estilo, o grupo sairá a rúa na procura do analizado na clase teórica. Será a propia cidade a que sirva de espazo de prácticas.

Autoavaliación:

Unha vez rematada a práctica regresaremos coas fotografías á aula para aplicar a edición que caracteriza o estilo que procuramos nesa sesión e observar os fallos que puidemos cometer durante a práctica, quedando os erros presentes na nosa mente.

Descrición da dinámicas das clases:

  • Modelo 1.- Ao comezo de cada sesión presentaremos o estilo de fotografía de rúa que imos procurar nesa xornada. Ademais, a través dos autores máis relevantes de cada movemento faremos unha viaxe a través da súa obra. Nese momento é cando se presentarán de forma teórica os aspectos que debemos empregar para procurar as imaxes que posúen ese estilo. Posteriormente o grupo sairá a rúa a intentar buscar ese tipo de fotografía, para finalmente regresar á aula e aprender a editar segundo o estilo que perseguimos durante esa xornada e debater sobre os posibles erros.
  • Modelo 2.- Como alternativa ao modelo 1 impartiremos unha sesión na que presentaremos o estilo de fotografía de rúa que imos procurar na seguinte xornada (que será puramente práctica), ademais dos autores máis relevantes de cada movemento, facendo unha viaxe a través da súa obra. Neste momento é cando se presentará teoricamente o que debemos empregar para procurar as imaxes con ese estilo. Posteriormente, na seguinte clase, o grupo sairá á rúa para intentar buscar ese tipo de fotografía. Nesa mesma xornada regresaremos á aula e aprenderemos a editar segundo o estilo que perseguimos e debateremos sobre os posibles erros.

Obxectivos:

  • Coñecer e manexar a configuración das ferramentas precisas para capturar esas fotografías artísticas.
  • Coñecer os diferentes estilos e tratamentos de imaxe presentes na historia da fotografía artística.
  • Recoñecer os elementos e aspectos que caracterizan a obra de cada autor.
  • Tomar consciencia dos parámetros que o fotógrafo debe modificar para conseguir expresarse a través da súa cámara.
  • Aprender a dominar a luz.
  • Aumentar a imaxinación e a innovación á hora de expresar ideas dun xeito diferente.

Competencias:

  • Que os asistentes ao curso sexan conscientes das posibilidades e recursos que teñen no momento de saír na procura dun determinado estilo fotográfico.
  • Que os asistentes ao curso o rematen podendo facer un percorrido pola historia da fotografía artística, de modo que esta lles sirva para atopar o seu propio estilo.
  • Que os alumnos interioricen a cámara e o dominio da luz para expresar ideas, do mesmo modo que empregan a linguaxe escrita ou a pintura.
  • Que o alumnado recoñeza os trazos que caracterizan unha fotografía.
  • Que o alumnado comprenda os elementos da edición que axudan a conseguir o aspecto artístico desexado.

Sobre o curso:

Durante o curso alternarase a teoría e a práctica dun xeito moi dinámico, de forma que resultará unha viaxe apaixonante para cada alumno. Propoñemos ao final do curso realizar unha exposición coas imaxes captadas.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.