O Museo Universitario A Domus do Mitreo converte ás familias en cociñeiros da antiga Roma
O Museo Universitario A Domus do Mitreo vén de presentar a súa programación especial para os meses de xullo e agosto dirixida a un público familiar e conformada por visitas guiadas e obradoiros didácticos.
O obradoiro ‘Nos fogóns de Apicius’ celebrarase os sábados 6 e 20 de xullo, así como o 3 e 17 de agosto, a partir das 11.30h. Poderán participar nesta actividade nenos e nenas dende os sete anos. ‘Nos fogóns de Apicius’ é un taller gastronómico no que se darán a coñecer os praceres da mesa na antiga Roma. Nesta actividade, levarase a cabo unha aproximación á cultura latina mediante a gastronomía da época seguindo unha receita romana.
Aprendices de arqueológos
Os sábados 13 e 27 de xullo, así como o 10, 24 e 31 de agosto, o Museo Universitario A Domus do Mitreo acollerá, tamén a partir das 11.30h, o obradoiro ‘Escavando na Domus’, no que nenos e nenas dende os cinco anos, poderán descubrir en que consiste o traballo dos arqueólogos. Nesta actividade, os participantes poderán achegarse á investigación científica no campo da arqueoloxía, mediante unha actividade educativa e lúdica na que se realizará unha escavación simulada.
A participación nestas actividades será de balde. Os menores deben asistir acompañados por un adulto. As reservas poden realizarse no enderezo electrónico mitreo.lugo [at] galipat.es (mitreo[dot]lugo[at]galipat[dot]es)