O VI Campus de Verán XuvenCiencia bota a andar o luns 2 de xullo ás 9.30h no auditorio da Facultade de Veterinaria
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, presidirá o vindeiro luns 2 de xullo, a partir das 9.30h, no auditorio da Facultade de Veterinaria, o acto inaugural da VI edición do Campus de Verán XuvenCiencia, no que tamén tomarán parte a coordinadora deste programa impulsado ao abeiro do Campus Terra da USC, Mercedes Novo; o Secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; o 5º Tenente de Alcalde e titular da Área de Desenvolvemento Sostible e Persoal do Concello de Lugo, Xosé Daniel Piñeiro Villares; e a deputada provincial Sonsoles López Izquierdo.
A nova edición deste campus de verán, unha iniciativa orientada a estudantado preuniversitario de 4º de ESO e Bacharelato que se estenderá ata o venres 6 de xullo, presenta un ameno programa de aprendizaxe e convivencia, a través do que se busca dar a coñecer a 150 estudantes preuniversitarios os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas do Campus Terra, así como nos seus centros adscritos.
A VI edición do Campus Científico Internacional de Verán Xuvenciencia pechou este ano a mellor preinscrición da súa historia con 264 alumnos/as solicitantes de praza.