Ir o contido principal

O VII Campus Científico de Verán XuvenCiencia achegarase á loita contra o ciberbullying e ao estudo do xenoma humano

O VII Campus Científico de Verán XuvenCiencia achegarase á loita contra o ciberbullying e ao estudo do xenoma humano
O VII Campus Científico de Verán XuvenCiencia achegarase á loita contra o ciberbullying e ao estudo do xenoma humano
O campus de Lugo da USC celebrará do 1 ao 5 de xullo a sétima edición do Campus Científico de Verán XuvenCiencia, un programa organizado e promovido polo profesorado da sede universitaria luguesa en...
Lugo

O campus de Lugo da USC celebrará do 1 ao 5 de xullo a sétima edición do Campus Científico de Verán XuvenCiencia, un programa organizado e promovido polo profesorado da sede universitaria luguesa en colaboración coa Vicerreitoría de Coordinación, a través do que se pretende espertar a vocación científica do alumnado preuniversitario de toda Galicia.

 

O prazo de preinscrición neste programa que oferta 150 prazas, 100 para novos alumnos e 50 para veteranos, permanecerá aberto desde este venres 3 de maio, ás 15:30 horas, ata o vindeiro 12 de maio, ás 24:00 horas, na páxina web http://www.usc.es/xuvenciencia/campus/  As prazas concederanse por rigorosa orde de preinscrición. Logo de cubrir o formulario, tal e como xa se fixo na pasada edición, o alumno/a recibirá un correo electrónico con acceso a un segundo formulario no que deberá indicar cales son as súas preferencias con respecto ás actividades ofertadas no programa deste ano. Para completar a preinscrición é imprescindible cubrir os dous formularios dentro do prazo establecido, pero este último non afecta á orde de preinscrición. Os organizadores decidiron facelo deste xeito para que o alumnado poda meditar con calma en que tipo de actividades desexa participar de acordo cos seus intereses. O 15 de maio publicarase a primeira lista de admitidos e o primeiro prazo de matrícula ábrese do 15 ao 21 de maio, ambos os dous inclusive.

 

A nova edición deste campus de verán, unha iniciativa orientada a estudantado preuniversitario de 4º de ESO e Bacharelato, presenta un ameno programa de aprendizaxe e convivencia, a través do que se busca dar a coñecer á mocidade preuniversitaria os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas da USC en Lugo, así como nos seus centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría. A presente edición aspira, tal e como xa sucedeu o ano pasado, a impulsar a convivencia. Por este motivo, todas as prazas que se afertan están dotadas con aloxamento para que todo o alumnado poda aprender a convivir cos seus futuros/as compañeiros/as de carreira baixo a tutela do monitorado titulado da A.D.C. Lumieira Lugo.

 

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; a profesora da USC e coordinadora do campus de verán XuvenCiencia, Mercedes Novo Rodríguez; a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira; o deputado provincial, Eduardo Vidal; e Carlota López Pardo, en representación da empresa patrocinadora Aresa, presentaron este luns no edificio de Vicerreitorías a nova edición do campus de verán XuvenCiencia, un proxecto de divulgación científica con máis dun centenar de eventos programados e avalado pola participación duns 150 docentes da USC e outro persoal de apoio.

 

 

Mercedes Novo destacou  que a charla inaugural deste este ano vai consistir nun exercicio de oratoria a cargo do equipo de debate do IES de Becerreá, galardoado en diferentes competicións galegas e nacionais. “Dentro das directrices, sempre integrais e integradoras, que dotan de sentido ao campus de verán XuvenCiencia para a conferencia inaugural que, en anos pasado foi impartida por profesorado con importantes traxectorias investigadoras xa moi consolidadas, decidimos que, neste 2019 sexan os tradicionais receptores do saber os que amosen as súas competencias e coñecementos”, sinalou Novo.

 

Loita contra o ciberbullying

No marco do programa deste ano, unha das principais novidades é a actividade ‘Aprendendo a construír vídeos contra o ciberbullying’, coordinada por Mari Carmen Caldeiro Pedreira, na que se abordará como o uso indiscriminado dos teléfonos móbiles e da tecnoloxía por parte das novas xeracións deriva ás veces en fenómenos coma o ciberbullying ou acoso virtual. Neste obradoiro, aprenderase a combater o ciberbullying coas súas propias armas, a través da construción de pequenos vídeos que permitan facer conscientes ás rapazas e aos rapaces de como se detecta e como se intervén sobre esta nova forma de acoso.

 

A colaboración do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da USC constitúe outra das novidades desta sétima edición de XuvenCiencia. Baixo a coordinación de Martín Santamarina García, o proxecto ‘Explora o teu ADN: introdución ao mundo da xenómica’ permitirá ao alumnado participante experimentar como traballa un investigador dedicado ao estudo do ADN.

 

Ademais, esta nova edición do Campus Científico de Verán eríxese na máis sustentable de todas as celebradas ata o de agora xa que aspira a reducir de modo substancial os residuos de plásticos grazas á colaboración da Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra BioReDes, a cal agasalla ao alumnado participante con cantimploras para que non teñan que facer uso de botellas de plástico.

 

As distintas actividades incluídas no campus de verán XuvenCiencia Lugo desenvolveranse en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 18.00 horas, nas facultades de Ciencias, Humanidades, Administración e Dirección de Empresas, Formación do Profesorado e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e os dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría. As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos da USC en Lugo e a centros e empresas colaboradoras (Aula de Produtos Lácteos, Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, Museo Provincial, Museo Universitario A Domus do Mitreo, AMSlab, Xenética Fontao, Hospital Universitario Lucus Augusti, Castro de Viladonga, Sotavento, Fundación TIC, LARSA, Norvento, Finsa, CETAL), e a realización de talleres relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do campus centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá. Ademais, programouse unha oferta adicional con obradoiros de danza, teatro e creación audiovisual.

 

Polas tardes, os/as alumnos/as inscritos/as no programa, repartidos en grupos pequenos, desenvolverán, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre 26 propostas. O programa ‘Lumieira Acompaña’, guiado por monitorado titulado da A.D.C Lumieira, ofrece, a partir das 18.00 horas, diversas actividades lúdicas en quenda de tarde e noite para todos os estudantes aloxados.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.