Os ‘Encontros de Lúa Chea’ responden este mércores na EPS de Enxeñaría á pregunta ‘Por que o decrescimento?’
O profesor de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Madrid, Carlos Taibo, participará este mércores 27 de febreiro, a partir das 19.00h, na cafetería da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, nunha nova sesión dos ‘Encontros de Lúa Chea’, nesta ocasión moderados pola profesora da USC no Campus Terra, Mar Pérez Fra, pertencente a Área de Economía, Socioloxía e Política Agraria.
Nun contexto no que os recursos naturais son limitados e nun planeta no que viven cada vez máis persoas, todas elas con dereito a unha calidade de vida semellante, que vai acontecer cos recursos naturais e co medio ambiente cando todas esas persoas pretendan acceder a uns estándares de vida e consumo occidentais? Esa é a cuestión na que Taibo afondará este mércores.
A teoría do decrescimento, cuxa figura máis visible en España é a deste profesor universitario, propón unha solución para este dilema: as e os habitantes dos países ricos deben reducir a súa actividade económica, tanto produtiva como de consumo, para permitir que outras sociedades sigan mellorando o seu nivel de benestar. Isto conforma unha oportunidade de recuperar hábitos de vida e valores máis sinxelos, baseados no social e na proximidade.
Os ‘Encontros de Lúa Chea’ son encontros informais organizados para divulgar contidos académicos transversais de interese xeral ou de actualidade universitaria. A entrada aos mesmos é aberta ata completar aforo, ademais sérvese vaso e petisco de balde. Este evento está impulsado por Proxéctate en Galego, espazo galego na USC, obradoiro e foro de debate onde a Universidade se conecta coa sociedade en clave galega.