Os fascismos, a debate nos ‘Encontros de Lúa Chea’ do 30 de outubro na EPSE
A cafetería da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) acollerá o vindeiro 30 de outubro, a partir das 20.00h, o debate ‘Fascismos, o eterno retorno?’, no que os historiadores Henrique Hervés Sayar e Antonio Bernárdez Sobreira exporán os seus puntos de vista ao respecto baixo a moderación da profesora da USC no Campus Terra, Ana Cabana.
Neste encontro, enmarcado nos denominados ‘Encontros de Lúa Chea’, organizados para divulgar contidos académicos transversais de interese xeral ou de actualidade universitaria, e cuxo acceso é aberto e de balde, preténdese responder ás seguintes cuestións: por que agroman periodicamente na sociedade ideas de corte fascista, como o racismo ou o totalitarismo? Hai paralelismos entre a forma en que agromaron os movementos fascistas no primeiro terzo do século XX e o xeito en que medran agora? Podemos aprender algunha lección da historia pasada para evitar volver repetila?
Os ‘Encontros de Lúa Chea’ profundan, dende os seus inicios, en temas que se sitúan no debate social, achegando argumentos que axuden a interpretar as realidades que pivotan o discurso dos medios de comunicación.