Os impulsores do Life Fluvial presentan en Portugal o proxecto de xestión sostible de corredores fluviais na rexión atlántica ibérica
O director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do Campus Terra da USC, Pablo Ramil Rego, acompañado doutros investigadores deste instituto universitario, participou en Portugal na presentación do Life Fluvial, un proxecto transnacional orientado a mellorar a xestión sustentable nos corredores fluviais da rexión atlántica ibérica, no marco dun acto no que tamén estiveron presentes o director do Instituto de Recursos Naturais e Ordenación do Territorio (Indurot) da Universidade de Oviedo, Jorge Marquínez, e representantes doutros dos organismos públicos e empresas privadas que colaboran no desenvolvemento deste programa transnacional que conta cun orzamento de máis de tres millóns de euros, financiados nun 75% pola Comisión Europea.
O acto de presentación do Life Fluvial en territorio luso desenvolveuse no Centro de Interpretación Ambiental da Área Protegida e Zona Húida de Importância Internacional das Lagoas de Bertiandos e San Pedro de Arcos (Ponte de Lima), coincidindo coa celebración do Día Mundial das Zona Húmidas.
O proxecto Life Fluvial, cuxo prazo de execución abrangue ata o 31 de agosto de 2021, ten como principal obxectivo a mellora do estado de conservación de corredores fluviais atlánticos na Rede Natura 2000. Para este propósito, os promotores deste programa propoñen desenvolver unha estratexia transnacional para a xestión sostible dos seus hábitats en varias cuncas fluviais atlánticas da Península Ibérica (Galicia, Asturias e Portugal Norte).