Ir o contido principal

Os programas Life con participación do Campus Terra da USC suman un orzamento global de máis de doce millóns de euros

 Los programas Life con participación del Campus Terra de la USC suman un presupuesto global de más de doce millones de euros
Los programas Life con participación del Campus Terra de la USC suman un presupuesto global de más de doce millones de euros
Os catro programas Life que contan con participación de equipos do Campus Terra da USC, ben en funcións de coordinación ou como asociados, suman un orzamento global de máis de 12 millóns de euros...
Lugo

Os catro programas Life que contan con participación de equipos do Campus Terra da USC, ben en funcións de coordinación ou como asociados, suman un orzamento global de máis de 12 millóns de euros -unha contía que inclúe o co financiamento de case 6,5 millóns (53%) por parte da UE-, ao tempo que deixan constancia da experiencia e do compromiso adquiridos pola sede universitaria luguesa a prol da conservación e restauración dos ecosistemas naturais e a loita contra o cambio climático, tal e como salientou o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo.

 

Andrés Barreiro Lois fixo estas declaracións durante o acto organizado na Casa do Saber de Lugo polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC co gallo da celebración do 25 aniversario da aprobación da Directiva Hábitats da UE, que contemplaba a creación da Rede Natura e a conseguinte posta en marcha dos programas Life como instrumento financeiro da UE orientado de xeito exclusivo ao medio ambiente. Este mecanismo integra desde o seu nacemento as prioridades relacionadas coa Red Natura 2000 como outros retos ambientais, tales como o cambio climático, a loita contra a contaminación ou a mitigación das especies exóticas invasoras.

 

Esta sesión, na que participaron, entre outros representantes políticos, o concelleiro do Concello de Lugo delegado da área de Desenvolvemento Sostible e Pesoal, Daniel Piñeiro; a deputada provincial Sonsoles López Izquierdo, e Jesús Latas, en representación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, serviu de escenario para a exposición dos catro proxectos Life que contan coa participación do Campus Terra da USC. Así, o director do Ibader, o profesor Pablo Ramil abordou na súa intervención o Life Tremedal, do mesmo xeito que Paz Ondina Navarret, Antonio Rigueiro e Javier Ferreiro, trataron respectivamente nas súas exposicións os proxectos Life Margal Ulla, Lugo+Biodinámico e Baccata.

 

Life Tremedal

O obxectivo xeral do proxecto, cun orzamento total de 2,824,867.00 euros, é mellorar o estado de conservación dos tipos de zonas húmidas continentais (turbeiras, lagoas, etc), no Norte da Península Ibérica. Un dos cometidos foi mellorar a información relativa á diagnose, distribución, ameazas, estado de conservación e información cartográfica relativa aos distintos tipos de hábitats de turbeira presentes na Rexión Bioxeográfica Atlántica da Península Ibérica. As actuacións concentráronse en Galicia (Reserva da Biosfera de Terras do Miño), Asturias, (Parque Nacional Picos de Europa) Euskadi (Lago Arreo), Navarra (Turbera de Belate). 

 

Life Margal Ulla

Coordinado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e coa colaboración da USC e Augas de Galicia como beneficiarias asociadas, Margal Ulla trata de contribuír á mellora do estado de conservación das especies sinaladas, asegurando as poboacións existentes no Ulla e establecendo as condicións máis óptimas para a recuperación das orixinais. Para acadar este fin, desenvolvéronse unha serie de accións sobre unha área que abrangue gran parte da cunca do Ulla. Con elas, preténdese ampliar a información dispoñible sobre o estado actual de conservación de Margaritifera margaritifera e Galemys pyrenaicus, un coñecemento que servirá para establecer medidas eficaces de mellora do estado de conservación destas especies e do seu hábitat e deseñar estratexias de sensibilización e divulgación dos resultados do proxecto. O período de execución do proxecto foi do 2010 ao 2015, cun orzamento total de 3.600.000 euros.

 

Life Lugo+ Biodinámico

O proxecto busca desenvolver unha estratexia de planificación urbana para lograr unha adaptación efectiva ao cambio climático a escala de veciñanza ou barrio residencial, visualizando este non como unha ameaza, senón como unha oportunidade para a mellora da calidade dos espazos urbanos, considerando o cambio climático como “reto” e a necesidade crecente de rexeneración dos ámbitos urbanos como o seu “contexto”. As accións do proxecto (2016-2020) son realizadas polo Concello de Lugo, a Universidade Politécnica de Madrid e a USC. O orzamento do proxecto é de 3.588.5510 euros.

 

Life Baccata

O proxecto Life Baccata traballa pola conservación e restauración do hábitat prioritario do teixo, actualmente ameazado e en regresión, en quince lugares da Rede Natura 2000 da Cordilleira Cantábrica e pertencentes a Galicia, Castela e León, e País Vasco. Nestas áreas levaranse a cabo medidas de conservación, protección e xestión para pomover a mellora do estado de conservación e restauración do teixo e dos teixedais, fomentando a súa rexeneración natural, e o das especies de flora e fauna que os habitan, contribuíndo a frear a perda de biodiversidade. O proxecto ten un período de execución de 4 anos: 2016-2020, cun orzamento de 1.900.000 euros. As accións do proxecto son desenvolvidas pola USC (Ibader, Facultade de Veterinaria), a Xunta de Castela e León, a empresa pública vasca HAZI, e a fundación forestal de Castela-León: Cesefor.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.