Os servizos da USC en Lugo darán a benvida ao novo alumnado do campus o luns 10 de setembro
O Auditorio da Facultade de Veterinaria acollerá o vindeiro luns 10 de setembro unha xornada de benvida destinada ao alumnado de primeiro curso que acaba de chegar ao campus e na que os servizos da USC en Lugo disporán de espazos expositores nos que dar a coñecer a súa oferta formativa.
O acto dará comezo ás 12.30h logo de que cada centro celebre as súas respectivas xornadas de benvida. Ás 12.00h, sairán autobuses dende a Facultade de Formación do Profesorado para achegar ao alumnado deste centro ata Veterinaria.
Biblioteca Intercentros, Área de Orientación e Inserción Laboral, Oficina de Cultura, Servizo de Deportes, Servizo de Participación e Integración Universitaria, Servizo de Relacións Exteriores, Normalización Lingüística, Centro de Linguas Modernas, Oficina de Igualdade de Xénero, Desenvolvemento Sostible, Residencia Universitaria Jesús Bal y Gay, Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico (CACTUS) ou a Oficina de Información Universitaria, darán a coñecer a súa múltiple e diversa actividade. Xunto cos espazos propios da USC, tamén participarán cun espazo expositor Concello e Deputación de Lugo, Dirección Xeral de Xuventude e Banco Santander.
Ás 13.00h terá lugar o acto inaugural presidido pola vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e no que tamén estarán presentes Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, Concello e Deputación de Lugo. Acto seguido, dará comezo unha MasterClass de baile latino e, trala mesma, serviranse uns petiscos de benvida.