Pegadas artísticas en Formación do Profesorado do Campus Terra da USC
A Facultade de Formación do Profesorado de Lugo expón ata o mes de xuño diferentes pezas de cerámica elaboradas por alumnado da especialidade de Cerámica Artística da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón. Este proxecto, que se desenvolve baixo o título ‘A peza do mes’, mostrará cada 15 días unha peza de cerámica diferente, conformando un percorrido sobre distintas aplicacións da cerámica: cerámica artística, tradicional, de estilo castrexo, aplicada ao mobiliario, etc.
O obxectivo desta iniciativa da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo, na que colaboran a Facultade de Formación do Profesorado e a Biblioteca Pública Provincial como sedes expositivas, é o de contribuír a facer máis visibles os estudos superiores de cerámica artística que se imparten en Lugo, a única provincia galega onde se pode completar esta formación, e por outro poñer en valor a importancia da olería e da cerámica en Galicia.
A instalación no centro universitario lugués da peza de cerámica ornamental titulada ‘Universo ruso’, unha creación realizada en arxila de Buño branco e esmaltada en cobre por Vicente Blanco, profesor da área de Didáctica de Expresión Plástica da USC na Facultade de Formación do Profesorado, serviu para abrir este proxecto de divulgación artística. O decano da Facultade de Formación do Profesorado, Francisco Rodríguez Lestegás; a director da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, Esther Muñoz; o profesor de Cerámica Francisco F. Ares e o director da biblioteca de Formación do Profesorado, César Gómez, participaron nesta sesión inaugural.