Ir o contido principal

Poñer en valor a diversidade biolóxica ten premio no Campus Terra

Poñer en valor a diversidade biolóxica ten premio no Campus Terra
Poñer en valor a diversidade biolóxica ten premio no Campus Terra
O IBADER implícase de cheo para acadar a distinción da Reserva da Biosfera para a Ribeira Sacra e as Serras do Oribio e O Courel
Lugo

Seguro que máis dunha vez escoitaches que a cinematografía leva o nome de sétimo arte ao ser unha expresión de información, valores e sentimentos. Da mesma forma que a gran pantalla obtivo este recoñecemento hai más de cen anos, o Campus Terra vén de recibir un novo éxito logo de participar na consecución da sétima Reserva da Biosfera de Galicia.

 

Este logro é posible grazas á implicación de diversos actores entre os que se atopa o director do proxecto, o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural do Campus de Lugo da USC, xunto ao elenco integrado pola Xunta de Galicia e a Fundación Juana da Vega. Tras o seu traballo desenvolvido durante os últimos catro anos e un longo proceso de participación pública conseguiron que máis de 306.500 hectáreas de territorios estendidos pola Ribeira Sacra, Serras de Oribio e O Courel sexan declarados baixo este nome por parte do Consello Internacional de Coordinación do Programa Home & Biosfera (MaB) da Unesco.

 

A concesión desta figura internacional serve para poñer en valor a beleza natural e riqueza cultural e etnográfica destas zonas xeográficas. Igualmente, destaca a necesidade de continuar o labor para reconciliar a diversidade biolóxica e cultural co desenvolvemento económico e social dos territorios.

 

Neste senso, a superficie incluída na Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e O Courel, que conta cunha poboación superior a 75.000 habitantes, intégrase oficialmente na Rede Mundial de Reservas de Biosfera, ademais de sumarse ás outras seis de Galicia con este selo.

 

Deste xeito, ao engadir este territorio ao de Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes; Navia e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Transfronteiriza Gerês-Xurés; e Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo, o 35% de Galicia xa posúe este distintivo internacional. Así mesmo, un 42% do terreo galego atópase baixo algunha figura de protección, o que avala a riqueza do noso patrimonio natural.

 

O informe favorable da Unesco, xunto á súa felicitación pola excelente calidade do proxecto, son o resultado do gran traballo realizado polo IBADER do Campus Terra ao longo destes anos e que, sen dúbida, supón un impulso para seguir a remar neste sentido.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.