Presentación do Máster en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados
O Centro de Investigación Aeroportado de Rozas acolleu este mércores o acto de presentación do Mestrado en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, que impartirán o vindeiro curso académico as universidades de Santiago de Compostela e Vigo, concretamente a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra de Lugo e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo (EEAE) do Campus da Auga en Ourense.
O Máster en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados nace como un título de alta especialización para estudantes universitarios con dúas vertentes fundamentais: unha centrada no desenvolvemento de sistemas aéreos non tripulados, que liderará a Universidade de Vigo; e outra centrada na operación de sistemas aéreos non tripulados, que liderará a Universidade de Santiago de Compostela. É esta unha proposta única no Sistema Galego de Universidades xa que non existen títulos similares en todo o noroeste peninsular, o que amplía o seu mercado potencial de alumnado a rexións como Asturias, Castela e León ou o Norte de Portugal.
O Mestrado en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados resposta ao despegue do sector dos drons en Galicia, que combina o impulso de empresas operadoras que actúan en mercados globais e empresas que desenvolven os seus propios sistemas. Outro factor que indica o desenvolvemento e organización deste ámbito é a formación de asociacións empresariais locais como a Asociación Gallega de Sistemas Inteligentes no Tripulados (AGASINT).
Plan de estudos
Esta titulación ofrecerá un total de 24 prazas, ás que poderán acceder estudantes ou profesionais que previamente teñan completado unha enxeñaría ou a licenciatura ou grao en Física. O alumnado matriculado no máster poderá seguir as distintas sesións formativas que se celebren na USC ou na Universidade de Vigo de xeito presencial ou ben a través de videoconferencia, en función do campus universitario no que se atope.
O Máster en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados é un posgrao oficial de carácter presencial que está estruturado en 60 créditos ECTS e que se imparte ao longo dun curso. Trátase dun título de marcada orientación profesional integrado por un total de 12 materias, das que cada alumno/a deberá cursar seis (250 horas presenciais). A esta carga lectiva cómpre sumar a elaboración do TFM (Traballo Fin de Máster), así como a realización dun período de prácticas en empresas do sector.
Esta versatilidade, que permite a sinerxía entre dúas universidades con orientacións diferenciadas, apóiase na dispoñibilidade de recursos humanos e materiais altamente especializados e da interactuación cun gran número de empresas do sector, tanto no referente á fabricación como á explotación de drons.
Montserrat Valcárcel, profesora e secretaria académica da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra; Mª Luz Gil, coordinadora do mestrado por parte da Universidade de Santiago de Compostela; Arno Formella, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus da Auga; Higinio González, coordinador do mestrado por parte da Universidade de Vigo; Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación; e Neves Seoane, responsable do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas, interviron no acto de presentación deste mestrado que comezará a impartirse no ano académico 2018-2019.