Relacións Laborais aborda as saídas profesionais das súas titulacións
As saídas profesionais do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos serán obxecto de análise o martes 30 de abril, a partir 9.30h, no salón de graos da Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo a través dunha xornada organizada polo propio centro coa colaboración da Área de Orientación e Inserción Laboral da USC.
A directora da Academia Postal, Gélica Cendán, abrirá a quenda de intervencións cun relatorio sobre o acceso á administración pública. A continuación, dende o Colexio de Graduados Sociais de Lugo abordarase o exercicio da profesión de graduado/a social. O exercicio profesional na empresa pivotará a mesa redonda da que forman parte Mónica González Dorado, responsable de RRHH na empresa ABANTE B.P.O.; Pilar Delgado Jul do Departamento de Administración do Hospital Ollos Grandes; e Alberto Pallín Novo, responsable de Organización e Seguridade da Caixa Rural de Lugo.
Ás 12.00h, a responsable da Área de Orientación e Inserción Laboral da USC en Lugo, Gloria Cruz, falará das claves para a procura de emprego. A xornada pecharase xusto a continuación cun apartado dedicado á formación de posgrao.