Seminario científico sobre novas técnicas de xenotipado, CRISPR, citometría e microscopía na Facultade de Veterinaria
A Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC albergou un seminario científico sobre novas técnicas de xenotipado e análise de microbioma, edición xenética a gran escala (CRISPR), citometría de fluxo e microscopía de última xeración.
Esta actividade, promovida desde a Plataforma de Secuenciación Xenómica Funcional do Campus Terra da USC, coordinada polo catedrático da USC Paulino Martínez, e organizada por Life Technologies, congregou na sede universitaria luguesa a varios especialistas internacionais en cada unha das áreas, tales como é o caso de Joao Caldeira, Elena Aller, Peter Jacobs, Livio Loffarelli ou, entre outros, Juanma Cárdenas.
A organización deste tipo de seminarios científicos permite achegar os novos avances tecnolóxicos dispoñibles en cada un dos campos presentados á comunidade científica, segundo sinalan o coordinador da Plataforma de Secuenciación Xenómica Funcional do Campus Terra da USC, Paulino Martínez, e a responsable da mesma, Belén Gómez. Estes consideran asemade que os avances presentados no marco desta sesión teñen unha importante aplicación agrixenómica, o que resulta de especial interese na contorna da sede universitaria luguesa, onde se atopa esta plataforma científica.