Ir o contido principal

Tres alumnas do máster DAEN cooperan con persoas refuxiadas nun campamento da illa grega de Samos

Tres alumnas del máster DAEN cooperan con personas refugiadas en un campamento de la isla griega de Samos
Tres alumnas del máster DAEN cooperan con personas refugiadas en un campamento de la isla griega de Samos
Tres alumnas do Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN) na Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC veñen de completar unha experiencia de voluntariado...
Lugo

Tres alumnas do Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN) na Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC veñen de completar unha experiencia de voluntariado internacional logo de asistir e convivir durante un mes con familias con necesidades especiais que se atopaban no campamento de refuxiados da illa grega de Samos, o berce de Pitágoras e ata onde estas tres universitarias se desprazaron para completar unha estadía en prácticas ao abeiro do proxecto Landcare.

 

Meses antes de ser protagonistas desta experiencia inimaxinable no mar Exeo, o destino xa fixera que as súas vidas se encontraran na Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC para cursar o Máster DAEN, un posgrao singular na universidade española aberto a todas aquelas persoas que entende a educación e o ensino como procesos transversais alén do traballo realizado nas aulas. Así as cousas, Marta Fernández Román, Amaia Sanz Bilbao e Colleen Fugate aterraron en Lugo desde Cádiz, Navarra e Estados Unidos, vía Valencia, respectivamente, para ampliar a súa formación de grao xa completada nos eidos da educación infantil e da socioloxía de xénero.

 

Adaptadas ás dinámicas de aprendizaxe que rexen este posgrao, que mestura novas metodoloxías coa multiplicidade de vivencias e espazos naturais, a sorpresa volveu chamar á porta destas mozas cando lles propuxeron, ao abeiro do proxecto europeo Landcare, desenvolver as prácticas do máster en Grecia, concretamente, no Centro de Interpretación Mariña e Terrestre do Pithagóreio, a segunda cidade máis importante da illa de Samos e enclave histórico por ser o berce do filósofo Pitágoras.

 

Marta, Colleen e Amaia permaneceron un mes no Pithagóreio, unha estadía no arquipélago heleno do mar Exeo tan breve como intensa, porque “vivimos a experiencia das nosas vidas”, sinalan, ao tempo que engaden que “a carón do hostal no que nos aloxamos había un campamento de refuxiados, o segundo máis grande de Grecia despois do radicado en Lesbos, no que vivían 15 familias con necesidades especiais coas que compartimos moitas horas e vivencias”.

 

Foi algo incrible axudar a nenos e nenas, xoves e maiores refuxiados chegados a este enclave preto de Turquía desde Siria, Congo, Iraq ou Kuwait e coas miras postas en acadar a súa Terra Prometida, para uns Alemaña, para outros Francia, Italia ou Canadá, relatan. Estas tres cooperantes quedaron abraiadas tras coñecer as historias particulares dalgúns dos refuxiados, entre os que había nenas xa casadas e mesmo estudantes de Medicina que viron truncadas as súas aspiracións académicas. Un dos maiores impactos chegou coa despedida, cando estas estudantes da USC tiveron que frustrar as ilusións daqueles que querían acompañalas na viaxe de regreso a Galicia para comezar unha nova vida.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.