Última quenda de visitas dos ‘Encontros no Campus Terra’
Uns 200 estudantes de ensino medio procedentes de 6 centros educativos da provincia de Lugo (CPI López Suárez, de Friol; IES Marqués de Sargadelos, de Cervo; IES de Monterroso; IES Sanxillao, de Lugo; IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, de Lugo, e IES Sagrado Corazón, de Ribadeo) e do IES Saturnino Montojo, de Ferrol, visitaron este martes os distintos centros da sede universitaria luguesa na última quenda de visitas do programa Encontros no Campus Terra de Lugo, unha iniciativa organizada ao abeiro do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ e orientada a dar a coñecer a oferta de estudos e servizos da sede universitaria luguesa a estudantes preuniversitarios
Os estudantes, distribuídos en grupos en función das súas preferencias formativas e acompañados de estudantes e profesores universitarios, completaron itinerarios de visitas ás distintas facultades e escolas do campus de Lugo, ademais de facer un percorrido polas instalacións da Biblioteca Intercentros.
O programa ‘A Ponte’ cifrou en preto de 1.000 o número de estudantes de ensino medio que tiveron este ano a ocasión de coñecer a oferta de estudos e os servizos da sede universitaria luguesa a través do programa ‘Encontros no Campus Terra de Lugo’.