Últimos días para presentar candidaturas ao XVIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
O XVIII Premio Aresa de Desenvolvemento rural, un galardón convocado polo Campus Terra da USC e o grupo empresarial Aresa, pecha o venres 27 de outubro o prazo de presentación de candidaturas. Este galardón, que contempla unha dotación en metálico de 10.000 euros para o gañador, premia cada ano iniciativas e proxectos presentados por entidades, empresas, grupos de investigación, asociacións ou persoas individuais, que contribúan á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural galego.
As bases desta edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural están dispoñibles na páxina web www.aresa-agricola.com e os aspirantes deben entregar a documentación correspondente nos rexistros xerais dos campus universitarios de Lugo (no Edificio dos Servizos Centrais) ou de Santiago de Compostela (no Colexio de San Xerome) antes das 14.00 horas do venres 27 de outubro.
O Premio Aresa está dotado con 10.000 euros en metálico e o seu fallo será determinado por un xurado especializado que examinará todas as candidaturas e dará a coñecer publicamente o nome da gañadora antes de finais de febreiro de 2018.