Ir o contido principal

Un centenar de investigadores e profesionais analizan no Campus Terra da USC as aplicacións da xenómica no agro e no monte

Un centenar de investigadores y profesionales analizan en el Campus Terra de la USC las aplicaciones de la genómica en el agro y en el monte
Un centenar de investigadores y profesionales analizan en el Campus Terra de la USC las aplicaciones de la genómica en el agro y en el monte
O grupo de investigación en xenética Acuigen do Campus Terra da USC, dirixido polo catedrático Paulino Martínez e con sede na Facultade de Veterinaria de Lugo, acolleu este martes a primeira das...
Lugo

O grupo de investigación en xenética Acuigen do Campus Terra da USC, dirixido polo catedrático Paulino Martínez e con sede na Facultade de Veterinaria de Lugo, acolleu este martes a primeira das xornadas ‘Xenómica para a mellora das producións e a xestión da biodiversidade’, a cal foi inaugurada polo vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico, Andrés Barreiro Lois.

 

Este foro, no que participan como relatores algúns dos científicos españois máis relevantes nestas áreas, aborda accións de mellora da produción forestal ou conservación da biodiversidade, ao tempo que constitúe unha oportunidade para descubrir as posibilidades que ofrece a mellora xenética en sectores clave para a economía galega como o vacún, o porcino e mesmo a acuicultura.

 

O catedrático de Xenética da Universidade de Zaragoza  Juan Altarriba Farrán abriu este martes a quenda de intervencións deste foro cun relatorio sobre o programa de selección xenética na raza rubia galega e as súas perspectivas. A produción de vacún de carne en España e a implementación da selección xenómica no marco europeo, centrou, a continuación, o relatorio do tamén catedrático da Universidade de Zaragoza Luis Varona. Como colofón da sesión matinal, José Antonio Jiménez, da Confederación de Asociacións de Frisona Española (Conafe), abordou o modelo internacional que se está a seguir na selección xenómica en bovino de leite.

 

A mellora e conservación dos recursos xenéticos forestais e as aproximacións xenómicas en produción vexetal centraron, xa en quenda de tarde, as intervencións da investigadora Ramón y Cajal do Centro de Investigacións Forestais de Madrid Delphine Grivet e Pere Puigdomenech, profesor de Investigación do Centro de Investigación en Agrixenómica de Barcelona. O catedrático de Xenética da USC Gonzalo Álvarez pechou a primeira xornada de relatorios cunha charla baixo o título ‘A depresión consanguínea no home: Charles Darwin e as Dinastías Reais’.

 

As xornadas ‘Xenómica para a mellora das producións e a xestión da biodiversidade’, constitúen tamén unha canle acaída para achegar ao sector produtivo  galego as potencialidades que depara a súa colaboración con centros universitarios e tecnolóxicos. Os beneficios destas sinerxías poden deparar resultados moi positivos no caso dos grupos de investigación asentados no Campus Terra da USC  que canalizan o seu labor de I+D+i cara as áreas de produción animal e vexetal, seguridade alimentaria ou o mantemento da rica biodiversidade que agroma o mundo rural.

 

Neste foro, orientado a investigadores e a estudantes de grao e máster de disciplinas científicas e técnicas con coñecementos básicos en xenética e no que tomaron parte preto de medio centenar de persoas, tamén se inscribiron profesionais de empresas e industrias relacionadas co sector primario, así como de cooperativas e asociacións agrarias, ademais de persoal técnico dos distintos departamentos das administracións públicas nos que as aplicacións de xenética son importantes.

 

O programa da xornada prevista para o 23 de xaneiro, que tamén se prolongará en quenda de mañá e tarde na Facultade de Veterinaria de Lugo, abrangue un amplo repertorio temático, no marco do que os distintos relatores convidados farán achegas diversas respecto dos principios básicos da xenética da conservación e as súas aplicacións, a recuperación do lince na Península Ibérica, a aplicación da epixenómica na produción animal ou sobre o futuro da mellora xenética animal. A selección xenómica en porcino, a mellora xenética en acuicultura cara unha produción sustentable e a arquitectura xenética de caracteres produtivos en acuicultura serán outras das cuestións a tratar neste foro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.