Ir o contido principal

Un sistema que nutre e cura: a innovación no Campus Terra

Un sistema que nutre e cura: a innovación no Campus Terra
Un sistema que nutre e cura: a innovación no Campus Terra
O grupo de investigación Proepla da EPSE da USC traballa na optimización dun sistema de rega por goteo para o cultivo do lúpulo
Lugo

Da mesma forma que a auga lle dá vida ás plantas, o Campus Terra é o espazo onde agroman novos métodos de investigación cunha aplicación práctica no noso territorio e coa innovación como nutriente para o seu crecemento.

 

Neste caso, dotado por este modelo e baixo o coidado do persoal investigador do grupo Proxectos e Planificación (Proepla) da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC, é como medra o lúpulo. A través do desenvolvemento do seu estudo procuran avanzar na optimización do manexo da auga neste cultivo mediante a colocación dun sistema de rega por goteo que permite aplicar auga e fertilizantes ao mesmo tempo.

 

Así, segundo o informe de resultados do proxecto Innovacións no cultivo de lúpulo en España, realizado por Lúpulos de Calidad, tamén poderían subministrar tratamentos para as posibles enfermidades das plantas. Por este motivo, a fórmula na que traballan é moito máis eficiente que o asolagamento, moi habitual nas explotacións de lúpulo de Castela e León.

 

Os descubrimentos de Proepla, ao abeiro do Grupo Operativo Lúpulos de Calidad, contribuíron na análise das necesidades de rega e na súa incidencia na produción, á vez que achegaron a cantidade concreta de auga e de nutrientes que precisa este cultivo nas súas distintas etapas.

 

Igualmente, mediante o labor de experimentación, tanto nas parcelas que dispón a Cooperativa Lutega en Mabegondo como noutras de cultivo ecolóxico na contorna de Lalín, obtiveron o nivel óptimo de humidade do solo para o seu desenvolvemento: un 25%. A conservación desta cifra a través da rega por goteo é factible grazas á instalación duns sensores que miden con exactitude unha serie de parámetros das plantas e dos solos, como é o grao de humidade.

 

Deste xeito, as vantaxes que achega este sistema no que traballa o grupo de investigación da USC son ben grandes, ao permitir un control moito máis eficaz do estado de cada exemplar de lúpulo e mellorar a competitividade das explotacións agrícolas.

 

A innovación presente neste proxecto non é o único nutriente que fai medrar ben alto estas plantacións, pois tamén destaca a sustentabilidade ambiental, de xeito que, conxuntamente, permiten que o Campus Terra continúe a avanzar no impulso ao sector primario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.