Ir o contido principal

Unha tese da EPS de Enxeñaría, premiada pola Unión Internacional de Organizacións de Investigación Forestal

Unha tese da EPS de Enxeñaría, premiada pola Unión Internacional de Organizacións de Investigación Forestal
Unha tese da EPS de Enxeñaría, premiada pola Unión Internacional de Organizacións de Investigación Forestal
A Doutora Andrea Hevia Cabal recollerá no XXV Congreso Mundial da ‘International Union of Forest Research Organizations’ (IUFRO) que terá lugar en Curitiba (Brasil) entre os días 29 de setembro e 5...
Lugo

A Doutora Andrea Hevia Cabal recollerá no XXV Congreso Mundial da ‘International Union of Forest Research Organizations’ (IUFRO) que terá lugar en Curitiba (Brasil) entre os días 29 de setembro e 5 de outubro, un premio ‘IUFRO Outstanding Doctoral Research Award 2019’ pola súa tese de doutoramento ‘Influencia da poda no desenvolvemento de masas de Pinus radiata D. Don. e Pinus pinaster Aiton. en Asturias', defendida na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría en marzo de 2013, e realizada dentro do grupo de investigación ‘Unidade de Xestión Forestal Sostible’ (UXFS).

 

Esta tese foi dirixida polo membro da UXFS e profesor da EPS de Enxeñaría Juan Gabriel Álvarez González e polo director do ‘Centro Tecnológico Forestal y de la Madera de Asturias’ (CETEMAS) Juan P. Majada Guijo, así como realizada en colaboración entre estes dous centros, o ‘Servicio Regional de Investigación y Desarrollo Agroalimentario’ do Principado de Asturias (SERIDA), o ‘Servicio de Montes (Consejería de Desarrollo Rural y Recursos Naturales)’ do Principado de Asturias e o ‘Instituto de Desarrollo Rural’ (IDR), desfrutando a doutoranda dunha axuda de Formación de Persoal Universitario (FPU).

 

Nesta convocatoria presentáronse vinte tres candidaturas de todo o mundo e entregáronse nove premios. Segundo a información remitida polo xurado, o nivel das teses achegadas foi de moi alta calidade e escolleron o traballo asinado pola Dr. Andrea Hevia en recoñecemento “aos significativos logros científicos do seu traballo de Doutoramento dentro do campo da monitorización, a ordenación e a modelización forestal”. A finalidade do premio, consistente nunha medalla, un certificado, o desprazamento ao congreso forestal mundial, e a de animar aos premiados a proseguir na investigación do seu tema de traballo e a participar en IUFRO activamente liderando grupos ou actividades de investigación.

 

A Unión Internacional de Organizacións de Investigación Forestal (IUFRO) é una asociación internacional de organismos dedicados á investigación en temas forestais que convoca premios para teses de doutoramento destacadas coincidindo coa celebración dos congresos forestais mundiais que celebra cada catro anos.

 

Acto de entrega

Este galardón entregarase dentro dunha sesión especial no congreso, na cal os premiados realizarán unha presentación curta de cinco minutos falando da súa experiencia doutoral e, para salientar os resultados do seu traballo, un resumo das súa teses imprimirase no libro de abstracts do congreso.

 

No anterior congreso forestal mundial de IUFRO celebrado en Salt Lake City en 2014 acadou este mesmo premio o tamén doutorando da UXFS Dr. César Pérez Cruzado que defendeu a súa tese na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría en 2011. Na actualidade Andrea Hevia atópase traballando na Universidade de Huelva.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2022.