XuvenCiencia colabora co IES Ollos Grandes no bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía STEMbach
O grupo de innovación docente da USC no Campus Terra XuvenCiencia colabora estreitamente co IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes no marco do bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía STEMbach que imparte este centro lugués xunto a outros catorce centros de toda Galicia e que conforma un programa experimental impulsado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia.
Xuvenciencia vén colaborando dende o inicio deste programa coa súa coordinadora neste centro lugués, Pilar Fernández Illán, na elaboración de actividades para primeiro e segundo de Bacharelato. Neste senso, o profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Juan Luís Fernández Lorenzo, impartiu o pasado 23 de xaneiro a actividade experimental ‘Cultivos in vitro’ na que o alumnado descubre as técnicas básicas de manipulación de explantos e o posterior enraizamento no medio natural.
Pola súa banda, os profesores da Facultade de Ciencias, Mercedes Novo (coordinadora de XuvenCiencia) e Wajih Al-Soufi impartiron a actividade ‘Fotometría–Cor e luz’ que permite coñecer como a luz axuda a medir a cantidade dun contaminante no medio natural, neste caso dos fosfatos no Río Miño ao seu paso por Lugo. No terceiro trimestre o profesor da Escola Poliécnica Superior de Enxeñaría, Francisco Javier López, dirixirá a actividade ‘Nano robots–Impresión 3D’.
O 30 de xaneiro, o alumnado do IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes visitou a Facultade de Ciencias do Campus Terra para tomar parte en dúas sesións prácticas extensas e paralelas cos profesores Novo e Al-Soufi sobre Fotónica, e sobre a determinación do contido proteico do leite, impartida por Ramiro Barcia Vieitez do Departamento de Bioquímica.
Xuvenciencia apoia o programa STEMbach tamén noutros centros de Galicia entregando gratuitamente os seus kits educativos e impartindo as súas ‘Xornadas para Profesorado’ a fin de axudar co traballo experimental do programa STEMBach. Este apoio está enmarcado no seo do proxecto ‘XuvenCiencia - Fago, logo aprendo’ en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades (FECYT).