XuvenCiencia forma a profesorado de ensino secundario no uso de proxectos científicos deseñados no Campus Terra da USC
O edificio Cactus do Campus Terra da USC acolleu este mércores unha nova edición das xornadas ‘XuvenCiencia para Profesorado’, organizada polo Centro de Formación e Recursos de Lugo (CFR Lugo), e realizada en colaboración coa Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria, e nas que participaron 30 asesores/as e profesores/as de ensino secundario coa intención de recibir formación sobre o uso nas aulas de proxectos científicos deseñados por profesorado da Universidade de Santiago de Compostela.
A apertura da xornada correu a cargo da coordinadora de XuvenCiencia, Mercedes Novo Rodríguez, para a continuación, proceder á presentación dos tres kits educativos ofertados: Photonics Explorer, Animal CSI e Vitroplant. O primeiro deles, presentado pola propia Mercedes Novo e polo tamén profesor da USC no Campus Terra, Wajih Al‐Soufi, contén 110 compoñentes para a realización de 8 experimentos sobre a luz e a súa tecnoloxía.
Pola súa parte, Animal CSI, presentado por Maribel Quiroga, Ana Paula Losada e Marta López, profesoras e investigadoras das áreas de Ciencias Clínicas Veterinarias e Medicina e Ciruxía Animal da USC no Campus Terra, coa colaboración da investigadora Ana Manuela Azevedo, consiste nun Kit con actividades no contexto da patoloxía veterinaria. Os experimentos inclúen necropsia, preparación de materiais biolóxicos para a súa avaliación microscópica e identificación de órganos, tecidos, células e patóxenos.
Finalmente, Juan Luís Fernández, profesor e investigador da área de Produción Vexetal da USC no Campus Terra, coa colaboración do estudante en prácticas Miguel Martínez, presentou Vitroplant, Kit con actividades educativas para iniciarse no cultivo in vitro de árbores. Xa en quenda de tarde os/as asistentes puideron participar en obradoiros formativos para a realización das actividades propostas en cada un dos kits educativos.
Coas xornadas XuvenCiencia para Profesorado preténdese contribuír a fomentar as vocacións científicas entre o alumnado de ensino secundario mediante a divulgación da ciencia e a tecnoloxía.