Ir o contido principal

Tipos de tese

A concepción anterior segue vixente en esencia, mais os novos modos de comunicación científica obrígannos a introducir novos formatos de presentación da tese de doutoramento.

A continuación, podes atopar unha descrición dos tipos de teses que contempla o noso Regulamento, con especial atención aos requisitos de redacción e xustificación documental da orixinalidade, integridade e autoría do traballo.

Nesta ligazón tes información obrigatoria relacionada coas publicacións, imaxes, figuras e táboas.

A tese monográfica é a tese clásica: aquela que estrutura o traballo de investigación nunha serie de apartados esenciais e fixos que se incorporan no índice: resumo, introdución, obxectivos, metodoloxía, resultados, conclusións, bibliografía

Agora ben, se na túa tese inclúes publicacións derivadas da túa investigación deberás ter en conta unha serie de requisitos adicionais á hora de redactar e ordenar os apartados anteriores, xa que o dereito de explotación das publicacións estará suxeito aos contratos editoriais, e os de autoría poden estar compartidos coa/s persoa/s que redactou ou redactaron o artigo canda ti. 

Nos seguintes apartados repasamos as diferentes tipoloxías de teses en función destas particularidades derivadas da propiedade intelectual do traballo científico.

Se nalgún capítulo da túa tese reproduces total ou parcialmente algún contido (texto, táboas ou figuras) dunha ou máis publicacións realizadas durante a etapa de tese, deberás incluír no exemplar da tese:

Observacións: A relación das publicacións e a autorización da revista/editorial para incluílas na tese (puntos a. e b.) deben presentarse nun Anexo ao final da túa tese. 

  1. Unha relación das publicacións  que inclúes na túa tese, con indicación de cantos indicios de calidade poidas aportar (factor de impacto e posición relativa na categoría á que pertence a revista como mínimo), ademais do ano de publicación.
     
  2. A autorización da revista/editorial para o uso da/s publicación/s na túa tese. De non contar coa autorización, deberás aportar unha versión publicable da tese para o Repositorio Institucional sen as publicacións non autorizadas.
     
  3. Cando haxa máis persoas coautoras nas publicacións, unha especificación de cal foi a túa contribución no traballo publicado.
     
  4. No capítulo concreto da túa tese no que reproduzas os contidos da publicación, deberás indicar os nomes e filiación de todas as persoas coautoras e a súa orde, así como a referencia completa da publicación ou publicacións, a editorial e o ISSN ou ISBN. No caso de artigos con aceptación definitiva para a súa publicación e que no momento da presentación da tese aínda non estivesen publicados, engadirás o código de identificación (ou DOI nas publicacións dixitais).
     

Formularios e modelos específicos:

A tese por compendio de publicacións é a que inclúe polo menos tres contribucións de investigación que elaboraras durante a etapa de realización da túa tese, as cales deberán axustarse ao proxecto recollido no teu plan de investigación. Ademais, é imprescindible que estas publicacións:

  1. Conten coa aceptación definitiva ou estean publicadas en publicacións de ámbito e prestixio internacional con revisión anónima por pares. Neste senso, ningún dos artigos incluídos na tese poderá ser anterior á data na que te matriculaches no doutoramento na USC.
     
  2. Respecto da acreditación da calidade das publicacións:
     
    1. Os artigos deben estar publicados en revistas de impacto recoñecido no ámbito científico correspondente, preferentemente incluídas no Journal Citation Reports ou Scopus. Nas áreas en que non sexa aplicable este criterio, poderá substituírse polas bases de datos relacionadas pola CNAAI para estas áreas.
       
    2. Polo menos unha das revistas deberá estar no primeiro ou segundo cuartil da súa categoría.
       
    3. Nas grandes áreas de Artes e Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas permitirase que as contribucións sexan libros ou capítulos de libro, con selo de calidade en edición académica ou que estean incluídos en Scholarly Publishers lndicators in Humanities and Social Sciences.
       

A tese por compendio debe ter coherencia por si mesma, con independencia dun meirande desenvolvemento a través dos traballos publicados. Dada a súa particular estrutura, os seus apartados son os seguintes:

  1. Unha introdución na que se realice una presentación do marco teórico no que se inscribe o tema da tese e que especificamente contará cunha xustificación razoada da unidade e coherencia temática e metodolóxica da mesma.
     
  2. Hipótese e obxectivos xerais e específicos que se pretenden alcanzar, indicando en que publicación ou publicacións se abordan.
     
  3. Unha breve descrición das ferramentas metodolóxicas empregadas.
     
  4. Unha discusión xeral que dote de coherencia e unidade os diferentes traballos incluídos na tese que terá unha extensión mínima de 5.000 palabras (requisito obrigatorio dende o 1 de xaneiro de 2021 por acordo de la Comisión Executiva do 20 de novembro de 2020).
     
  5. As conclusións da tese.
     
  6. As fontes referenciadas.
     
  7. Unha copia íntegra das publicacións. As contribucións do compendio estarán recollidas a continuación, ben formando parte do propio corpo da tese ou ben como anexo, baixo o epígrafe «Traballos publicados ou aceptados». Soamente se poderá incluír o post-print dos artigos. 
     

En cada publicación que inclúas, deberás indicar e/ou anexar:

  1. Indicios de calidade da publicación: factor de impacto da/s revista/s na que se atopa/n no ano de publicación, a posición relativa na categoría á que pertence/n e/ou outros índices de calidade.
     
  2. A túa contribución específica no caso de que haxa máis persoas coautoras.
     
  3. A autorización da revista/editorial para o uso da publicación na túa tese. De non contar con dita autorización, deberás proporcionar unha versión publicable no repositorio sen os contidos que carezan de dita autorización.
     
  4. Datos básicos: o teu nome e filiación, así como os nomes e filiación de todas as persoas coautoras e a súa orde; a referencia completa da publicación (editorial, ISSN o ISBN, ano de publicación). No caso dos artigos con aceptación definitiva para a súa publicación e que no momento da presentación da tese aínda non estiveran publicados, engadirase o seu código de identificación (ou DOI nas publicacións dixitais).
     

Á hora de facer a túa solicitude a través da Secretaría Virtual, deberás subir á aplicación Xescampus a declaración dos coautores doutores/non doutores na que aceptan que uses as publicacións na túa tese e ratifican a orixinalidade da túa contribución nas publicacións. Do mesmo xeito, coa súa sinatura ratifican que as publicacións non se utilizaron nunha tese previa.

Formularios e modelos específicos:

Son aquelas teses afectadas por cláusulas de confidencialidade con empresas, ou aquelas que podan xerar dereitos de propiedade industrial e intelectual, polo que non se poden difundir antes de estar os seus contidos debidamente protexidos.

  1. Antes de depositar a tese

    Para outorgar esta protección a túa tese, deberás tramitar unha solicitude dirixida á EDIUS por Sede electrónica, utilizando o modelo de confidencialidade dispoñible ao final desta páxina. Na solicitude, consigna como asunto “Tese con protección de dereitos”.

    Tras recibir a solicitude, solicitarémoste que nos entregues un PDF co exemplar completo da tese. O responsable da Escola de Doutoramento asinará un compromiso de custodia, baseado na información da solicitude presentada, que se entregará ao doutorando/a. Toda a documentación presentada polo doutorando/a será custodiada na EDIUS.

  2. Presentación ante a CAPD e documentación adicional

    Ademais da documentación relativa á presentación de todas as teses, se solicitaches que a túa tese sexa protexida, deberás presentar documentación adicional:

    • Unha copia do compromiso de custodia firmado polo director/a da Escola.
       
    • Un PDF desprotexido da versión reducida, acompañado dos restantes documentos en PDF solicitados para a presentación da tese.
       
  3. Defensa da tese

    Se no momento da defensa da tese, o tribunal desexa formular cuestións á persoa doutoranda sobre os contidos protexidos, estas intervencións faranse nunha sesión privada, con carácter previo ou posterior á pública.

  4. Publicación da tese no repositorio institucional Teseo

    Unha vez aprobada a tese, o exemplar reducido será o que se publique no repositorio institucional Minerva e en Teseo.

    Unha vez finalizado o período de protección, procederase á substitución dese PDF polo exemplar completo.

    No caso de que o doutorando/a non indique na súa solicitude a duración da protección, comprométese a comunicar a súa finalización para proceder á substitución dos exemplares.

Formularios e modelos específicos: