Estes son os termos e procedementos que deberás coñecer e realizar para o desenvolvemento do plan de investigación e formación, facer o seguimento académico do teu traballo e tramitar solicitudes.
Supervisión da tese
Asignación do titor/a
A Comisión Académica do Programa de Doutoramento ( CAPD) asignará un titor para o seguimento da formación como investigador do doutorando, no momento de resolver a admisión, que trasladará á aplicación informática.
O titor/a deberá ser un profesor ou profesora asignado ao programa con experiencia investigadora acreditada, e vinculación permanente coa USC ou en situación de excedencia temporal por estar acollidos a programas de excelencia investigadora. O PDI sen relación permanente poderá ser persoa titora durante o tempo da vinculación contractual coa USC.
Asignación do director/a de tese
No momento de resolver a admisión ou, de non ser posible, no prazo máximo de tres meses desde a formalización da matrícula, a Comisión Académica asignará a cada doutorando un director ou directores de teses de doutoramento, que trasladará á aplicación informática.
Esta asignación poderá recaer sobre calquera persoa doutora española ou estranxeira, con experiencia investigadora acreditada (art. 25.3 do Regulamento de Estudos de Doutoramento da USC) con independencia da universidade, centro ou institución en que preste os seus servizos. O director de tese poderá ser a mesma persoa designada como titor.
Poderá exercer a codirección da tese calquera persoa doutora española ou estranxeira que non posúan experiencia investigadora acreditada, a condición de que cumpra con un dos requisitos establecidos no artigo 26.5 do Regulamento de Estudos de Doutoramento da USC.
Para que desde a aplicación poida rexistrarse ao director asignado pola Comisión Académica, será necesario que previamente conste na base de datos «Rexistro de directores» da USC. No caso de non estar incluído nesta base de datos, o coordinador do Programa de Doutoramento poderá solicitar a súa inclusión enviando a edius [at] usc.es (edius[at]usc[dot]es) os modelos correspondentes que se atopan no despregable CAPD da páxina Formularios e modelos.
Cambio de titor/a ou director/a
Ao longo do desenvolvemento da formación doutoral, a Comisión Académica do Programa de Doutoramento poderá, por causa xustificada, modificar os nomeamentos de titor e director/a de tese, de oficio ou a petición do interesado.
O doutorando pode solicitar á Comisión Académica do seu programa, o cambio de titor ou director/a, a través da súa Secretaría Virtual, presentando unha proposta razoada ante a comisión.
Codirección de tese
Unha tese poderá ter máis dun director/a cando existan razóns de índole académico ou de carácter interdisciplinar, ou no caso de programas desenvolvidos en colaboración con outras institucións/universidades, sempre e cando cumpran o establecido no artigo 26 do Regulamento de estudos de doutoramento da USC.
O número de máximo de directores dunha tese será de tres. E para o nomeamento dun terceiro director/a é necesaria:
- A proposta da CAPD
- A autorización da EDIUS
- Que un deles exerza de titor/a
- Que a asignación veña motivada polo carácter interdisciplinar da tese na que as tres persoas pertenzan a ámbitos de coñecemento diferenciados ou porque se realice no marco dun convenio e/ou dun proxecto de convocatoria competitiva desenvolto en colaboración con outro centro ou institución nacional ou estranxeiro.
É necesaria a autorización da EDIUS, logo da proposta da CAPD, para a asignación dun segundo director/a pasados 36 meses desde o inicio dos estudos para estudantes con dedicación completa, ou 63 meses cando a dedicación sexa a tempo parcial. No suposto de dedicacións mixtas aplicarase o artigo 20.1.
Isto non será posible se o doutorando/a está en período de prórroga
Para solicitar a autorización da EDIUS debe enviar a edius [at] usc.es (edius[at]usc[dot]es) os modelos correspondentes que se atopan no despregable CAPD da páxina Formularios e modelos.
O doutorando/a pode solicitar á Comisión Académica do seu programa a asignación dun novo director/a. Este trámite non está dispoñible na súa Secretaría Virtual.
Considerarase como perfil autorizado a persoa que exerce como titor/a ou director/a dun doutorando/a e que traslada todos os informes de avaliación ou xestións a través da plataforma informática da Universidade.
Este perfil autorizado é designado pola CAPD.
O CDS é o documento que recolle as funcións de supervisión, tutela e seguimento dos doutorandos. Nel especifícanse as condicións de realización da tese, os dereitos e deber do doutorando, incluíndo os posibles dereitos de propiedade intelectual e/ou industrial derivados da investigación, a aceptación do procedemento de resolución de conflitos, así como os deberes do titor do doutorando e do seu director de tese (cargos que poden recaer na mesma persoa).
Aceptación do Compromiso documental de supervisión
Aceptación por parte de:
- O doutorando/a tras realizar a súa matrícula (pola súa secretaria virtual).
- O titor/a (pola súa secretaria virtual) tras a matrícula e aceptación do CDS polo doutorando/a.
- O director de tese no momento da súa asignación por parte da CAPD. (O profesorado alleo á USC recibirá un correo electrónico para a aceptación do CDS)
- O coordinador/a, sen notificación, aparecerá na súa SV como temas pendentes unha vez o CDS sexa aceptado polo doutorando/a e o titor/a.
Seguimento da tese
Ao longo da etapa de tese o/a doutorando/a deberá deixar constancia de todas as actividades de interese realizadas durante esta etapa.
As actividades rexístranse, co documento que acredite a súa realización, a través da Secretaria Virtual (no epígrafe «Consulta expediente Doutorado RD 99/2011») nos prazos establecidos para cada curso académico, que serán valoradas e validadas polo titor/a ou director/a, que asume a figura de perfil autorizado, e anualmente avaliadas pola Comisión Académica do Programa.
Aínda así, o/a doutorando/a deberá custodiar os documentos orixinais que acrediten as actividades realizadas.
Para depositar a tese é conveniente ter as actividades debidamente rexistradas e marcadas como realizadas no documento de actividades, xa que a CAPD esixe, entre outros requisitos, a superación de todas as actividades de carácter obrigatorio de cada programa.
O Plan de Investigación e de formación persoal é o documento que deberá recoller a metodoloxía que empregará o/a doutorando/a e os obxectivos que se pretenden alcanzar, así como os medios e a planificación temporal para alcanzalos, no apartado de formación persoal se recollera a previsión das actividades formativas que se desenvolverán durante este período formación doutoral incluíndo, en todo caso, as establecidas como obrigatorias polo programa de doutoramento.
Cando se tramita?
- Plan de Investigación e formación inicial: No caso de ser o primeiro ano de matrícula no Programa de Doutoramento, no prazo máximo de seis meses naturais contados desde a data de matrícula e sempre antes do fin do curso académico. Os doutorandos matriculados en segunda convocatoria deberán ter presentado o seu plan antes do 31 de xullo.
- Modificación do Plan de Investigación e formación: Cada doutorando/a poderá modificalo cando o consideren necesario. En todo caso, sempre se deberá telo modificado no suposto de que a tese que se vai defender sufra algunha variación con relación ao derradeiro PIF aprobado pola CAPD.
No caso de avaliación negativa, que será debidamente motivada, o/a doutorando/a deberá elaborar un novo Plan de Investigación no prazo que estableza a CAPD, que non poderá exceder dos tres meses desde o rexeitamento.
Como se tramita?
Na Secretaría Virtual (no epígrafe «Consulta expediente Doutorado RD99/2011»). Só se pode facer se na aplicación hai constancia da asignación do titor/a e director/a de tese. De non tela asignada, deberá contactar co programa de doutoramento.
Unha vez cumprimentados todosos apartados do PIF, deberá envialo a informe de perfil autorizado, que posteriormente aprobará a CAPD.
Recoméndase cubrir este documento canto antes dado que é requisito aprobalo para participar en convocatorias de axudas predoutorais.
O seguimento do labor de investigación dos doutorandos será avaliado anualmente pola Comisión Académica de cada Programa de Doutoramento a través da valoración do Documento de Actividades e do desenvolvemento do Plan de Investigación e de formación.
Previamente, o/a titor/a director/a que figura como perfil autorizado debe aceptar ou non as actividades do doutorando e posteriormente xerar o seu informe. Emitido o informe polo perfil autorizado, o/a coordinador/a do programa de doutoramento trasladará a avaliación da Comisión Académica á aplicación para que conste no expediente do doutorando nos termos de positiva ou negativa.
No caso dunha avaliación negativa, que será debidamente motivada mediante informe da CAPD, o doutorando volverá a ser reavaliado segundo o prazo fixado pola USC, que nunca excederá dos seis meses desde a avaliación anterior.
No caso de que se manteña a avaliación negativa, a CAPD emitirá informe negativo definitivo motivado. Contra esta avaliación definitiva poderase solicitar revisión de forma motivada ante a CAPD nos prazos establecidos.
No caso de desestimación da reclamación, o doutorando/a será dado de baixa do Programa de Doutoramento de forma definitiva.