Ir o contido principal

Historia

A Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela é un dos centros máis prestixiosos do noso país dentro do amplo campo disciplinar das ciencias sociais.

Desde que en 1991 se puxo en marcha a Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, máis de tres milleiros de alumnos e alumnas cursaron estudos de grao e posgrao e adquiriron unha formación sólida nas áreas da ciencia política, a xestión pública, as relacións internacionais e a socioloxía.

O afán de perfeccionar os programas formativos que se imparten no centro: Máster en Tecnoloxías de Márketing e Comunicación Política, Máster en Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras e especialmente o Grao en Ciencia Política e da Administración, principal obxecto de atención do noso proxecto académico transdisciplinar, é unha das principais motivacións que guían o noso traballo. Isto materialízase nunha supervisión estreita da súa posta en práctica e na procura continua de elementos que merecen ser mellorados.

Durante estas décadas de funcionamento, a facultade foi fortalecendo as súas relacións institucionais con outras importantes institucións universitarias e científicas do mundo a través da participación en programas de intercambio de alumnado e profesorado, así como programas de innovación docente, que distinguiron especialmente o noso centro no ámbito galego e español. Así mesmo, o noso empeño en robustecer a formación do alumnado concretouse no establecemento dun extenso e coidado programa de prácticas en institucións, empresas e organizacións do terceiro sector, sen parangón no ámbito universitario de Galicia.

Entre os obxectivos do centro cóntase, igualmente, o estímulo da vida social e cultural da comunidade académica e o incremento da participación de todos os actores implicados, fomentando como proxecto común a oferta dun servizo público renovador, aberto e responsable.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.03.2024.