A Comisión de Igualdade da Facultade de Dereito conmemora o 10 de decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos, cunha enquisa entre o alumnado
Con motivo do Día Internacional dos Dereitos Humanos, a Comisión de Igualdade da Facultade de Dereito propuxo a realización dunha enquisa entre o alumnado do Grao en Dereito, centrada, nesta ocasión na igualdade e as violencias de xénero.
O obxetivo da enquisa é, en primeiro lugar, coñecer a opinión e experiencias do alumnado na materia; en segundo lugar, articular medidas de mellora polo que se refire á sensibilización, concienciación e formación.
O cuestionario consta de 27 preguntas divididas en catro apartados: contexto socio-demográfico; igualdade e feminismo; violencia de xénero; coñecemento e formación. Un último epígrafe permite compartir comentarios ou observacións personais.
Contestaron a enquisa un total de 204 persoas, das cales a maioría son mulleres, algo máis do 70%.
Nunha ollada panorámica, destaca a uniformidade das respostas, sen grandes diferenzas segundo o curso. En cambio, si cabe observar un forte contraste nas respostas de mulleres e homes nalgunhas preguntas.
Sen prexuízo da necesidade dunha análise máis polo miúdo, nunha primeira aproximación cabe destacar os seguintes resultados:
- A percepción da existencia de discriminación por razón de xénero en España é moi maioritaria; igualmente, está xeneralizada a percepción das violencias de xénero en todos os ámbitos, en especial, na esfera familiar e respecto de amizades.
- O interese respecto da materia é consistente cos datos anteriores (en torno a 4, nunha escala de 5), se ben tende a baixar nos grupos cun maior número de respostas.
- En todo caso, o interese na materia é superior ao grao de coñecemento percibido (en torno a 3, nunha escala de 5).
Polo que se refire a aspectos concretos, cómpre destacar as seguintes cuestións:
- Pese a advertir desigualdade por razón de xénero, hai persoas que se declaran non feministas.
- Neste sentido, o feminismo e as medidas contra as violencias de xénero seguen a suscitar controversia.
- Hai máis testemuñas de violencias de xénero que experiencias desas violencias.
- A principal fonte de información do alumnado nestes temas son as redes sociais, por diante da formación académica.
- Respecto da formación impartida na facultade sobre igualdade e violencias de xénero, é -segundo a opinión do alumnado- mellorable. Así, por exemplo, enténdese de forma maioritaria, que debería tratarse en todas as materias.
- En canto ao coñecemento sobre Protocolo fronte ás violencias sexuais e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade ou expresión de xénero na USC, apenas o 20% das persoas participantes declararon coñecelo.
Finalmente, recolléronse 5 comentarios personais.
Unha observación formulada por unha persoa que non se identificou como muller nin como home: "Equidad para todos es igual a libertad para todos".
Outro comentario foi formulado por unha muller: "Debería tratarse o tema máis a fondo, non solo facer mención o dereito de igualdade e o delito de violencia de xénero [sic] cando toque na programación".
Os tres comentarios restantes foron formulados por homes:
- "Soy migrante y mis opiniones pueden venir sesgadas por un entorno cultural ligeramente distinto". Neste caso, a persoa marcou as respostas negativas en canto a existencia de discriminación e a identificación como feminista.
- "O feminismo é un dos cancros da sociedade actual; conseguindo aumentar o enfrontamento entre mulleres e homes, desnaturalizando os atributos e características propias de cada sexo, alonxándonos [sic] así dos obxetivos importantes dunha sociedade saudable, baseada na fraternidade e cooperación real". Esta persoa expresa un nulo interese e coñecemento polas cuestións de xénero (1, nunha escala de 5), sendo moi crítico co feminismo e coas medidas contra as violencias de xénero. Tampouco percibe violencias de xénero no seu entorno; non obstante, si manifesta ter sido testemuña de comportamentos considerados discriminatorios, mesmo algún deles (trato diferenciado na familia en función de roles de xénero), con frecuencia.
- "Considero que, pola complexidade do tema, haberá moitas respostas no conxunto de formularios que requiran dalgún matiz ou aclaración. Por ese motivo, baixo o meu punto de vista, deberían tratar con moita precaución os datos que reciban".
En efecto, os resultados non son unha fotografía exacta da situación, porén, si ofrecen un bosquexo de interese para seguir afondando e actuando na materia.
A Comisión de Igualdade quere transmitir o agradecemento pola participación do alumnado.
Pódense facer comentarios sobre as enquisas ou sobre esta análise, de forma anónima, na ligazón:
https://forms.office.com/e/dGhNFHjNjL?origin=lprLink